parlamento galego

BNG desmonta o relato do PP con datos dos MIR que confirman a fuga de profesionais da Atención Primaria galega

Montse Prado
Montse Prado

Montserrat Prado advirte que converter en norma as intersubstitucións e as prolongacións de xornada “está claro que non son a alternativa”

Propostas do Bloque: plan de choque de 200 M€, plan de captación e retención de profesionais e incorporación de novas categorías profesionais

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, advirte que os datos sobre os MIR en Galiza desmontan o relato do PP sobre a falta de profesionais na sanidade galega e, en concreto, na Atención Primaria, e confirman que aquelas e aqueles que están en formación “foxen en desbandada porque non aceptan traballar sen límite, sen calidade na atención e con risco para a súa saúde e para a das e dos doentes”.

Prado recalca que “ás nove prazas MIR que ninguén colleu” en Galiza, hai que sumar a fuga daquelas e daqueles que están en formación. “Dos 11 MIR que rematan en Compostela só dous optan a quedarse na Atención Primaria; dos 23 en Vigo, só 10; dos 18 da Coruña, só 7; dos 11 de Ourense, só dous; dos 10 de Lugo, cinco ou só tres dos cinco de Ferrol”, enumera, para engadir a continuación que “converter en norma as intersubstitucións ou as prolongacións de xornada para que unha profesional faga o traballo de tres, catro ou as que fagan falta está claro que non é a alternativa”.

A portavoz de Sanidade do Bloque asegura que “o PP xa non consigue tapar con propaganda a situación dramática na que se atopa a Atención Primaria” e, neste sentido, considera inaceptable que “a súa secretaria xeral diga que a nosa sanidade é a envexa de todos”. “Que pregunten aos miles de galegos e galegas que non teñen médico asignado, aos que teñen que agardar semanas para ter unha cita, aos case 200.000 que agardan por unha primeira consulta hospitalaria, aos 40.000 que agardan por unha intervención cirúrxica, aos miles que tamén esperan por probas diagnósticas, aos que lles pecharon os consultorios ou aos miles de nenos e nenas que non teñen pediatra”, recrimina.

Esta situación, xunto a profesionais “exhaustos”, demostran ao seu xuízo que “a realidade é que a continuidade asistencial está seriamente ameazada” e, neste sentido, advirte que “a situación non vai facer máis que empeorar polos centos de pediatras, médicos e médicas e profesionais de enfermería que se van xubilar nos vindeiros anos”. “Fuga de profesionais e drenaxe constante de doentes á sanidade privada, para quen poida pagala, e os que non, quédanse literalmente tirados”, resume.

Neste contexto, Prado propón á Xunta tres alternativas para acometer no inmediato: incrementar xa o orzamento da Atención Primaria ata igualalo co 2,2% de media estatal, cun plan de choque de 200 millóns de euros; poñer en marcha un plan de captación e retención de profesionais, “con ofertas atractivas e competitivas, con coidado e respecto ao persoal para que traballar e conciliar non sexa misión imposible”; e incorporar novas categorías profesionais como psicoloxía clínica (con arredor de 160 persoas nas listas que non están traballando), terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadores e traballadoras sociais, podólogos, ópticos ou optometristas, que contribúan a desconxestionar o primeiro nivel asistencial.

A deputada nacionalista reclama así ao Executivo galego “que deixe de poñer os seus esforzos en negar a realidade e que os poña en resolver o problema”. “En definitiva, que actúe para que a Atención Primaria non se colapse de inmediato”, conclúe.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG