O BNG denuncia que a Xunta pretenda converter as canteiras en vertedoiros

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará pide ao PP que lexisle para “a maioría social” e non para o sector dos residuos

O deputado do BNG, Luís Bará considera que anteproxecto da lei de Residuos de Galiza vai na liña contraria á demanda social dunha xestión de residuos pensada para resolver problemas e non para incrementalos. Neste sentido, pide ao Partido popular que lexisle para “a maioría social” e non para o sector dos residuos. Na súa opinión, a anteproxecto da Xunta sometido a información pública por un período de 15 días pretende “converter as canteiras en vertedoiros”.

O deputado explica que unha das moitas cuestións que regula o anteproxecto é a  relacionada coas explotacións mineiras consideradas como  lugares para a instalación de plantas de xestión de residuos, é dicir “vertedoiros” polo tanto, queda de manifesto que  a vontade da Xunta de Galiza é “dar vía libre ás canteiras como receptoras de residuos se o organismo competente en materia de minas da Xunta así o estima oportuno.”

A proposta da Xunta vai na dirección contraria ás normas que se apoian na restauración ambiental a recuperar espazos para que volvan á situación orixinaria (plan de restauración obrigatorio), ou o máis semellante posible a efectos de acadar a autorización de funcionamento, reforzando pola contra a normativa estatal que na práctica serve como un coladeiro para os vertedoiros co pretexto da restauración ambiental.

Bará denuncia que “vendo o espírito do anteproxecto, a Xunta semella non ter tomado nota da preocupación das galegas e galegos con relación ao abuso e uso das canteiras abandonadas que acaban acollendo vertedoiros de todo tipo, insalubres e molestos que pola maior parte dos exemplos que hai incluso resultan altamente contaminantes.” Neste sentido, destaca  que “a posición do BNG é a da maioría social que reclama cambios normativos urxentes para dotar a normativa dunha lóxica garantista en favor da xente e non dos intereses mercantilistas de compañías que, aproveitándose das facilidades de leis ambiguas e totalmente insuficientes, depredan sobre parcelas e terreos, que non sendo aptos, acaban converténdose en grandes puntos negros de contaminación ambiental.” Fronte a isto, recalca Bará, a Xunta do PP, en vez de responder  a estas preocupacións e reestruturar unha normativa anacrónica, está máis interesada e promover  promover unha lei de residuos e solos contaminados que posibilita que as canteiras poidan rematar sendo lugar de todo tipo de instalacións de xestión de residuos.

Finalmente, o deputado advirte que coa nova normativa, casos  como os de  Miramontes, Casalonga, ou os xa denunciados en Bóveda, Chantada, Ortigueira, Porriño e Silleda, na práctica terán vía libre para que as canteiras poidan ser empregadas para acoller calquera instalación de residuos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG