O BNG denuncia o tarifazo eléctrico polo que galiza pagará a factura da luz máis cara do Estado

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón acusa a Feixóo de poñerse de lado das eléctricas e volve a reclamar unha tarifa eléctrica galega a favor das familias e das PEMES

Pídelle que abandone a “soberbia e prepotencia” e retire a contrarreforma sanitaria, tras o clamor social en defensa do sistema público de saúde

A portavoz nacional, Ana Pontón, denuncia que o presidente da Xunta lonxe de ter unha axenda a favor de Galiza o que ten é “unha axenda en contra de Galiza”. A última constatación é a súa inacción política ante o tarifazo eléctrico decidido polo Goberno do Estado, que custará aos usuarios e usuarias un incremento mensual de 4 euros na factura da luz, para agasallar ás empresas eléctricas con 71M€ extra.

“Feixóo non moveu un dedo para parar este esperpento que suporá que os galegos e ás galegas imos pagar a factura máis cara do Estado pese a producir electricidade a esgalla”, criticou Pontón.

“As eléctricas cada vez ganan máis, mentres que as familias teñen que seguir apertándose o cinto e, en pleno temporal, pasan frío porque non poden prender a calefacción”, salientou, realidade que atribúe ás portas xiratorias de PP e PSOE que están detrás dunha lexislación que sempre beneficia a Iberdrola, Gas Natural-Fenosa e Endesa, con beneficios que en 2016 superaron os 5.000M€. Como último fichaxe, o popular Arsenio Fernández de Mesa, “recoñecido especialista no sector”, ironizou Pontón, fichado por 180.000 euros anuais.

O tarifazo eléctrico implica deixar en papel mollado o principio “de que quen contamina paga, posto que son os e as contribuíntes as que van pagar na factura a contaminación das empresas, un dislate”, sentenciou. Pontón anunciou que o BNG vai volver levar ao Parlamento a demanda dunha tarifa eléctrica galega que permita a familias e empresas beneficiarse de ser este un país produtor de enerxía, a solicitude de que se mude a lexislación eléctrica abusiva e a proposta de estudar todas as vías posibles para evitar que paguen os e as usuarias os impostos autonómicos aplicados ás compañías en 2013.

“Feixóo  puido recorrer a Lei eléctrica a non o fixo, puido recorrer o decreto que impón o tarifazo e non o fixo, puido darlle apoio á unha tarifa eléctrica galega máis barata e xusta e non o fixo”, denunciou a dirixente do BNG, “porque Feixóo lonxe de ser parte da solución é parte do problema”. Esta non é a única factura que teñen que pagar os e as galegas polo “servilismo do presidente da Xunta a Raxoi, tamén está o tarifazo da AP9, coa estafa legalizada das peaxes, ou o tarifazo dos carburantes, cuxos prezos nos colocan entre os territorios co gasóleo e a gasolina máis caras.

Dereito á saúde

E na axenda en contra de Galiza de Feixóo tamén figuran os servizos públicos. Neste sentido, Pontón reclamou do presidente da Xunta e do PP “que abandonen a prepotencia e a soberbia” e que escoiten o “clamor social” da multitudinaria manifestación que encheu as rúas de Santiago en defensa da sanidade pública. Para empezar, o Goberno “ten que retirar a contrarreforma da Sanidade” que pretende aprobar en solitario no próximo pleno parlamentario.

“O BNG vai pedir formalmente que se retire ese punto da orde do día e que Feixóo se sente a falar coa sociedade porque é a primeira obriga dun Goberno democrático, pero o PP confunde a maioría absoluta con unha licencia para os recortes e para a privatización e iso é utilizar os votos en contra da cidadanía”,  criticou Pontón, “un exemplo máis da axenda contra Galiza porque non defende o dereito á saúde das persoas senón os intereses das empresas privadas, iso é o que se esconde detrás da contrarreforma sanitaria e do desmantelamento cada vez maior da sanidade pública”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG