Parlamento Galego

O BNG denuncia risco de fraude no proxecto mineiro de litio previsto no Seixo e Suído e esixe informe de impacto ambiental

Luís Bará
Luís Bará (arquivo)
Luís Bará acusa ao Goberno do PP de favorecer os intereses das multinacionais depredadoras do territorio e de negar información aos colectivos afectados

O portavoz parlamentario de Medio ambiente, Luís Bará, trasladou á Cámara a tramitación do proxecto mineiro de explotación de litio denominado Alberta I que, nunha primeira fase, afectaría aos concellos de Beariz e de Avión e podería estenderse en sucesivas fases a Forcarei, Cerdedo e A Lama.

A través dunha proposición non de lei, Bará defendeu tres propostas concretas para garantir o interese público: someter o proxecto á avaliación de impacto ambiental, solicitar todos os informes preceptivos para garantir o cumprimento da lexislación sectorial e abrir un proceso de diálogo cos colectivos que se opoñen ao proxecto que deben recibir a máxima información sobre os riscos deste tipo de explotacións mineiras. O veto do PP impediu aprobar as proposta do BNG para asegurar que, en todo caso, se o proxecto mineiro prospera sexa con toda as garantías.

“Imos ser a voz dos colectivos afectados que non están a ser atendidos pola Xunta e imos traballar man con man con eles para evitar que se comentan irregularidades e inxustizas”, salientou o deputado. Bará deixou claro que o BNG non se opón ao aproveitamento dos recursos mineiros do país, de feito foi a formación nacionalista a que impulsou desde o goberno a Lei de minería de Galiza, pero ese aproveitamento ten que ser en beneficio público, con participación pública nos proxectos e coas máximas garantías en termos ambientais.

Por contra, o Goberno do PP modificou a normativa abrindo a man a favor das multinacionais facilitando un aproveitamento depredador da riqueza mineral do país, de tal xeito que o capital transnacional leva o beneficio pero deixa o custe ambiental.

“Utilizan o mesmo patrón que desde a época dos romanos, buscan un intermediario no territorio tanto desde o punto de vista empresarial como tamén axentes administrativos que actúen ao seu favor, modificando a lexislación ambiental para eliminar controis e garantías e facilitan os tramites administrativos dunha maneira dócil e servil. En Galiza é o Goberno do PP que fai ese papel con normativas como a chamada Lei de depredación empresarial, poñéndose ao servizo dos grandes lobbys mineiros, eléctricos ou forestais”, denunciou Bará na Comisión de Industria.

No caso concreto do proxecto Alberta I, o deputado nacionalista sinala a permisividade derivada dos cambios normativos do PP, -“quen fai a lei, fai a trampa”-, advirte de fraudes como a fragmentación artificial do proxecto para eludir controis administrativos ou avaliacións de impacto ambiental. “A empresa prevé desenvolver o proxecto de explotación en distintas fases, co cal estariamos diante dunha práctica fraudulenta consistente na división dun proxecto maior en pequenos proxectos para eludir as garantías ambientais”, denunciou Bará.

O Alberta I prevé a explotación de 25.000 toneladas de litio e 5.400 toneladas de estaño, nun contexto de “boom” destes minerais estratéxicos desde o punto de vista tecnolóxico. “Galiza é unha potencia mineira en moitos casos imprescindibles para elementos estratéxicos tecnolóxicos, pero o que hai que ter en conta é para quen son estratéxicos estes minerais, para grandes grupos multinacionais que se enriquecen pero deixan aquí as consecuencias medio ambientais. Ese modelo depredador dos nosos recursos naturais é intolerable”, salientou Bará.

“O modelo do BNG pasa por declarar estes recursos como estratéxicos con participación pública que permita ao país beneficiarse da súa riqueza mineira e, ao mesmo tempo, se  preserve o territorio,  en lugar do modelo depredador que favorece o actual Goberno coas súas modificacións lexislativas”, concluíu.

Pese ao veto do PP, o Bloque seguirá vixiando a evolución deste proxecto atendendo ás demandas das numerosas organizacións que nos últimos meses denunciaron tanto os riscos desta explotación mineira como as supostas irregularidades cometidas na tramitación do proxecto polos departamentos de minas e de medio ambiente da Xunta.

Entre os riscos sinalan a contaminación de acuíferos con augas ácidas, a creación de depósitos de entullos e a destrución de hábitats de interese xa que a  explotación mineira atópase nas proximidades da Serra do Cando, declarada Rede Natura 2000. Nesta zona están as nacentes de regatos que son afluentes dos ríos Lérez e Oitavén.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG