congreso

BNG denuncia o recorte nas medidas de seguranza no aeroporto de Santiago

Néstor Rego
Néstor Rego
A formación nacionalista alerta de que AENA está  reducindo o persoal de garda en cada momento, sen cubrir baixas e ausencias e iso redunda negativamente en detrimento da seguranza.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o recorte temporal de persoal producido na seguranza do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro. Para a formación nacionalista, o Goberno non está respectando os estándares de seguranza aérea, así como tampouco a protección dos e das traballadoras e usuarias ou o prestixio do aeroporto.

O BNG presentou varias preguntas interesándose pola preocupante situación das traballadoras e traballadores de seguranza do aeroporto de Santiago de Compostela, e na súa resposta, o Goberno dá por válidos os recortes polas medidas da COVID-19 e a consecuente redución de tráfico aéreo, de forma que, nesas faixas temporais de menor actividade, a empresa pública non cubre as baixas nin as vacacións do persoal que provoca unha diminución dos recursos humanos e, polo tanto, unha degradación da calidade dos servizos prestados.

“Non pode ser que unha empresa pública como AENA, que conta cos medios suficientes como para poder respectar o Convenio do Grupo, non prime a seguranza das usuarias e usuarios así como os dereitos laborais das traballadoras e traballadores”, subliña Rego. O aforro económico que supón o recorte, segundo sinala o deputado nacionalista, está “afectando a calidade dos servizos prestados no aeroporto, así como repercutindo negativamente na seguranza e, consecuentemente, no seu prestixio internacional”.

Así mesmo, o deputado do BNG recrimina ao Goberno a súa actitude pasiva ao se negar a dar as instrucións necesarias para que sexan cubertas de maneira adecuada as quendas e garantir o mínimo de persoal necesario “para evitar pór en risco a seguridade aérea e a rebaixa na categoría do Aeroporto, considerado estratéxico por atender o tráfico que sobrevoa o Eixo Atlántico”. Neste sentido, a formación nacionalista tamén alerta da posibilidade de que, se se producir algún incidente ou problema no tránsito aéreo, non se conte cos medios suficientes nin a capacidade necesaria como para responder adecuadamente, o que suporía que os avións afectados tivesen que ser desviados para aterrar noutro aeroporto, co risco engadido que iso implica.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG