BNG denuncia que a Xunta contabiliza como novas vivendas públicas no Plan RehaVita o que son segundas adxudicacións

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández: “os datos son unha estafa, un sumatorio de [email protected] [email protected] que entraron en vivendas de promoción pública que xa existían”

A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, denunciou a “cociña” realizada pola Xunta para presentar hoxe no Parlamento galego os datos, “absolutamente manipulados”, do informe de avaliación do Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda, o denominado Plan RehaVita.

Fernández recriminou ao director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), quen presentou o informe na Cámara, que no informe “se contabilizan a adxudicación de todas as vivendas que xa estaban construídas de antes e que simplemente cambiaron de inquilino ou inquilina”. “Contabilizan todas as segundas adxudicacións e posteriores, cando o que debería reflectir este informe é o número de novas vivendas públicas que se conseguiron en seis anos de duración do plan”, reprobou, para engadir a continuación que “o que nos están dando en realidade é o sumatorio de novos inquilinos que entraron en vivendas de promoción pública que xa existían”.

Así, a deputada nacionalista fixo un repaso dos datos por concellos para confirmar “que as cifras son unha estafa” e, neste sentido, exemplificou con varios municipios como os de Ames -onde figuran dúas vivendas públicas adxudicadas-, As Pontes -con 16 vivendas adxudicadas, ou Mugardos -cunha vivenda adxudicada- cando en todos os casos se trata realmente de segundas adxudicacións ou posteriores, concretamente a de Mugardos, corresponde a unha promoción de vivenda pública que se licitou no ano 2007.

Fernández censurou que “o que están facendo vostedes é contabilizar como resultado propio deste plan o que se fixo en lexislaturas anteriores” e advertiu que “aínda peor, o contabilizan dúas veces”, feito que tamén exemplificou cos datos correspondentes ás vivendas de Belvís, en Santiago, con 10 vivendas contabilizadas en 2017, que tamén corresponden a segundas adxudicacións, e un ano despois, desas 10 vivendas volvéronse a adxudicar sete, unha vez máis por cambio de inquilino, polo que no plan se contabilizan finalmente 17 novas adxudicacións de vivenda de promoción pública.

Deste xeito, a deputada do Bloque alertou sobre o feito de que, aparte das vivendas de centros históricos que o propio informe contabiliza aparte, “practicamente todas as vivendas, case todas as que se contabilizan, son en realidade segundas adxudicacións” despois de analizar os expedientes e insistiu en reclamar ao director do IGVS o dato real de “cantas novas vivendas de promoción pública foron licitadas e cantas novas foron adxudicadas entre os anos 2015 e 2020”, período de vixencia do plan, sen obter resposta algunha neste sentido.

“A cuestión é saber canta nova vivenda de promoción pública houbo, porque o que nos está a presentar a Xunta é como contabilizar nunha residencia de maiores cada nova praza libre que queda como unha nova praza pública nas residencias galegas”, reprochou amosando unha información xornalística na que o delegado territorial do Goberno galego en Ourense presenta dúas novas vivendas de promoción pública en Allariz, cando, en realidade, estamos ante “dunhas vivendas construídas hai unha década onde o único que houbo foi un cambio de inquilinos e véndense como novas vivendas de promoción pública”.

“Marchan uns inquilinos e veñen outros, pero non hai ningunha nova vivenda de promoción pública”, incidiu, logo de presentar outra nova información, esta vez de 2021, na que o delegado territorial en Ourense entrega de novo dúas vivendas da mesma promoción como novas vivendas públicas “porque cambiaron outra vez dous inquilinos”.

“A isto é ao que se dedican os delegados territoriais da Xunta, a facerse unha foto cada vez que cambia un inquilino -afeou con severidade-, unha estafa, porque ao que se van dedicar vostedes é a entregar en bucle as mesmas chaves e a contabilizar unha e outra vez as vivendas”.

Logo de desmontar os datos sobre adxudicacións, Fernández tamén puxo o foco sobre as licitacións de nova obra, que o Executivo do PP cifra no informe do Plan RehaVita en 858, pero que, sen embargo, o Instituto Galego de Estatística (IGE) fixa en 407 vivendas protexidas as iniciadas durante o período de vixencia do Plan, contabilizadas ademais as públicas e as privadas, cando o informe do RehaVita asegura que son 858 de pública.

Ao seu xuízo, “máis raro resulta comprobar que as vivendas licitadas é un copia e pega das vivendas adxudicadas” e nesta liña sinalou varios exemplos, como os de Cangas do Morrazo, Barreiros, Ames ou Allariz, municipios entre outros moitos nos que figuran exactamente o mesmo número de vivendas adxudicadas que de licitadas, cuestión esta sobre a que tamén solicitou aclaración ao director do IGVS, que tampouco facilitou.

A deputada do Bloque apuntou á absoluta falta de rigor noutras cuestións, como o Plan Rexurbe, mediante o que a Xunta asegura que se adquiriron 76 edificacións “que permiten a rehabilitación de 132 vivendas, sen dicir en ningún momento cantas se fixeron ata hoxe, porque o dato real só ascende a algo máis de 20”, recriminou, para pedirlle ao máximo responsable do IGVS, por último, que concretase tamén este dato, sen obter resposta tampouco resposta a este último requirimento. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG