BNG denuncia que a Xunta está a adelgazar e precarizar a Administración pública, como advirte o Consello de Contas

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés reproba o “anormal” proceso de consolidación de 22 prazas no que, por primeira vez na historia, todas as persoas aspirantes foron eliminadas

BNG denunciou no Parlamento galego que a Xunta está a adelgazar e precarizar a Administración Pública, tal e como reflicte o Consello de Contas nun informe do mes pasado. “A Administración Pública galega vén sendo bastante desastrosa, vén precarizando o emprego público e vén sendo bastante discrecional e arbitraria no seu funcionamento; e isto non o di o BNG, non o din os sindicatos, o di o Consello de Contas”, recriminou o portavoz nacionalista de Institucional e Xustiza, Iago Tabarés.

O deputado nacionalista repasou o informe do ente fiscalizador galego e advertiu que, ao remate de 2019, Galiza “é das poucas comunidades que ten menos persoal que hai 10 anos”, ao que sumou o abuso das contratacións temporais para ocupar prazas estruturais, o incremento das sentenzas condenatorias que obrigan á Xunta “a pagar ao persoal laboral” e que a temporalidade no ámbito laboral na Administración Pública é do 50% das e dos traballadores. “A precarización é absoluta e tres veces máis do que era antes”, criticou, para engadir a continuación que o sistema de provisión ordinario, “que é o concurso, resulta que é excepcional”. “Estanse utilizando as libres designacións de xeito absolutamente pouco transparente e sen xustificación ningunha e isto non o di o BNG, o di o Consello de Contas”, incidiu.  

Nunha pregunta parlamentaria sobre o proceso selectivo extraordinario de consolidación de 22 prazas estruturais do Grupo IV, Tabarés sinalou este proceso como exemplo das políticas de precarización do PP no ámbito da función pública, dado que estas prazas “estaban ocupadas por persoal en fraude de lei por abuso de temporalidade, mesmo en moitos casos recoñecido por sentenza firme”.  

Logo de explicar que o proceso foi convocado por medio de concurso-oposición con tres exercicios na fase de oposición, criticou que “por primeira vez na historia, todas as persoas aspirantes foron eliminadas, quedando sen adxudicar ningunha das 22 prazas ofertadas, porque a proba de informática -do segundo exercicio- nada tiña que ver nin co seu posto de traballo, nin con programas actualizados”, sen sequera chegar á terceira proba e, polo tanto, sen que tampouco se entrase a valorar os méritos alegados.

Ao seu xuízo, isto demostra “a celebración dun proceso selectivo totalmente anormal e cun nivel de exixencia nada acaído para o grupo e categoría dos que se trataba”, pois só así se pode explicar que todas as persoas aspirantes “foran eliminadas, á marxe da súa condición de interina ou libre”. Segundo explicou, o contido do segundo exercicio permite cuestionar que o mesmo se axustara ao recollido no V Convenio Colectivo, no que nunha das súas disposicións transitorias se indica que o contido das probas gardará relación cos procedementos, tarefas e funcións habituais dos postos obxecto de cada convocatoria.

“O certo é que a proba informática, centrada exclusivamente no coñecemento de folla de cálculo, non garda esa relación coas funcións e tarefas propias das prazas ofertadas, nas que o manexo de folla de cálculo é inexistente ou anecdótico”, reprochou, para engadir que “o certo é que a situación que resulta deste proceso provoca unha lóxica incerteza tanto sobre o futuro desas prazas como do das persoas que as veñen ocupando dende hai moitos anos”. “Lavarse as mans non se axusta nin a dereito, nin a feito”, concluíu. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG