BNG denuncia que o Goberno vetou as emendas relativas á baixada do IVE e subida das pensións mínimas

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego considera “profundamente antidemocrático” que nin sequera se permita ao Congreso debater sobre propostas que son fundamentais para mellorar as condicións de vida de cidadáns e cidadás

A formación nacionalista xa remitiu escrito á Mesa do Congreso para que defenda o dereito da cámara a debater todas as emendas presentadas

BNG denuncia que o Goberno vetou as emendas relativas á baixada do IVE e subida das pensións mínimas

O deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia o veto do Goberno a 18 emendas da formación nacionalista relativas á modificación de tributos, suba das pensións mínimas, aumento do salario dos empregados públicos, eliminación da Taxa de Reposición de Efectivos, incorporación da indemnización nos contratos predoutorais ou evitar a dupla imposición ao emigrantes retornados. Rego lembra que emendas similares foron debatidas e votadas no ano pasado e considera “profundamente antidemocrático” o comportamento do Goberno de coalición PSOE-Podemos.

Entre as emendas vetadas están as que defenden a baixada do IVE a 4% para os servizos esenciais (electricidade, auga, gas…), os produtos de hixiene feminina, os produtos culturais ou os pesqueiros. Tamén a que propón que os salóns de peiteados e imaxe persoal recuperen o IVE reducido de 10%, que estivo preto de ser aprobada no ano pasado e que previsibelmente o sería este ano, dada a mudanza de posición de algunhas formacións.

O Goberno veta tamén a proposta de subir as pensións mínimas até equiparalas ao Salario Mínimo Interprofesional, cuestión que o BNG considera fundamental para reducir as fendas de xénero e territorial, pois hai que lembrar que as mulleres teñen a pensión media máis baixa e a Galiza as segundas pensións máis baixas do Estado español.

Entre as propostas que o Goberno non permitirá que sexan debatidas está tamén a subida en 5% do salario dos empregados públicos ou a incorporación da indemnización nos contratos predoutorais, una vella reivindicación das persoas que traballan no ámbito da investigación para acabar coa precarización e a discriminación deste colectivo.

Aliás, tamén foron vetadas as emendas que propoñen modificar o IRPF para evitar a dupla tributación dos emigrantes retornados ou para eliminar o diferente limiar de declaración con un ou dous pagadores, o que, para alén de afectar este colectivo, tamén o fai a todas as persoas que estiveron en ERTE ou que en razón da precariedade existente tiveron máis de un contrato de traballo.

O Goberno tamén non quere que sexa debatida a proposta do BNG de eliminar a Taxa de Reposición de Efectivos, que permitiría acabar coa precarización dos servizos públicos, resolver o problema do abuso de temporalidade e aumentar o persoal necesario en servizos esenciais como a sanidade ou a educación.

Rego sinala que o argumento de “diminución de ingresos” ou “aumento do gasto” non pode ser “coartada para una práctica profundamente antidemocrática, que consiste en furtar o dereito a debater propostas fundamentais para mellorar as condicións de vida de cidadáns e cidadás, particularmente das clases populares” e lembra que o BNG tamén ten rexistrado una emenda para incrementar o imposto de patrimonio progresivamente a partir de un millón de euros.

“A nosa proposta para aumentar o imposto de patrimonio e gravar máis as grandes fortunas iría compensar sobradamente a baixada do IVE -un imposto non progresivo- en produtos esenciais, mais parece que o Goberno de coalición de PSOE e Podemos non están por facer políticas fiscais redistributivas, que favorezan os traballadores e traballadoras e as clases populares”, salienta Néstor Rego.

O deputado nacionalista anunciou que o BNG xa dirixiu un escrito de queixa á Mesa do Congreso para solicitar que reclame ao Goberno a reconsideración destes vetos antidemocráticos e que defenda o dereito da cámara a debater e votar todas as emendas presentadas.

 

BNG denuncia que o Goberno vetou as emendas relativas á baixada do IVE e subida das pensións mínimas