Congreso

BNG denuncia a presenza de menores en cacerías no programa “Jara y Sedal”

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego salientou que a caza non é unha actividade sen riscos e por iso a presenza de nenas e nenos nas batidas, como o caso da Galiza, comprende unha serie de perigos.

O BNG solicitou ao Goberno saber cal é o motivo polo que a CRTVE mantén o programa “Jara y Sedal”, que audiencia tivo na Galiza este lustro pasado e a canto ascende o custo público do mesmo nese período.

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar no Congreso a presenza de persoas menores de idade en actividades de caza coa posibilidade que hai de sufrir algún accidente potencialmente mortal así como do risco de sufrir outros danos.

Esta denuncia por parte do BNG prodúcese despois de saber que a revista “Jara y Sedal” publicou o pasado mes de xullo, na súa edición dixital, unha nota sobre unha xornada de caza realizada, supostamente, na provincia de Ourense o día 20 dese mesmo mes baixo o título: “Su nieto le 'obliga' a ir de caza y termina abatiendo este extraño corzo”. Os nacionalistas alertan de que se trata dun menor de 9 anos que acompaña a un familiar nunha cacería de corzos, no que se ve posando xunto a un adulto sen máscara, a pesar de que xa era obrigatoria no conxunto do territorio galego.

O deputado Néstor Rego salientou que “a noticia evidencia como a falta de medidas de protección da infancia e a adolescencia está presente nun campo dominado polas armas de fogo, onde cada ano se producen accidentes e suceden mortes, ben por neglixencia dos propios cazadores e cazadoras, ben de maneira fortuíta” e afirmou que “a caza non é unha actividade sen riscos e por iso a presenza de nenas e nenos nas batidas, como o caso da Galiza, comprende unha serie de perigos”.

Ademais, Rego solicitou ao Goberno saber cal é o motivo polo que a CRTVE mantén o programa “Jara y Sedal”, que audiencia tivo na Galiza este lustro pasado e a canto ascende o custo público do mesmo nese período.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG