O BNG denuncia que o PP avale a actitude “caciquil” da Valedora do Pobo

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil cualifica de espectáculo “bochornoso” que o PP dilate o cese da Valedora do pobo  tras unha  sentenza firme por   “desvío de poder e arbitrariedade na designación dunha praza”

Na sesión plenaria sobre  o cesamento da Valedora do Pobo tras a “sentenza firme” contra Milagros Otero por “desvío de poder e arbitrariedade”  ao designar unha praza para a irmán do portavoz parlamentario do Partido popular, Pedro Puy e sobriña de Fraga, a deputada do BNG, Olalla Rodil denunciou que o Partido popular “avala a actitude caciquil da Valedora do Pobo.

Na súa intervención, Rodil reiterou que a Valedora do Pobo cometeu unha “cacicada” que afecta directamente ao Partido popular e explicou que  nos últimos meses, Galiza viviu unha situación “bochornosa e inaceptábel” que cuestiona e “enlama”  a institución da Valedoría do pobo. Unha institución, dixo,  creada para velar polo cumprimento e respecto escrupuloso dos dereitos fundamentais das galegas e dos galegos diante das administracións públicas e  “non para servir de axencia de colocación da irmá e da sobriña de dirixentes do Partido Popular”.

Para a nacionalista, lonxe de admitir o que quedou demostrado xudicialmente e presentar a súa renuncia inmediata para salvagardar a pouca vergoña que lle puidese quedar, a señora Otero decidiu iniciar unha “fuxida cara á diante”, coa conivencia e amparo do Partido Popular e ensuciando a imaxe da Valedoría do Pobo pero tamén deste Parlamento.

Hoxe na votación sobre o cese da Valedora do Pobo, denunciou Rodil, quedou de manifesto que o Partido popular volveu poñerse, unha vez máis, “do lado do caciquismo e das  prácticas corruptas na administración”.

A SENTENZA É A PINGA QUE FIXO REBORDAR A CUNCA

A señora Otero non só mentiu, engadiu, tamén  tentou  bloquear e torpedear os mecanismos parlamentarios para a súa destitución do cargo, contando co apoio inquebrantábel do Partido Popular. Otero fíxoo ao puro estilo do PP, “cunha dimisión en diferido e con condicións”. A deputada do BNG afirmou que esta actuación responde ao comportamento “dunha delincuente intentando condicionar o Parlamento de Galiza.”

Ao remate da intervención da nacionalista o presidente da Mesa do Parlamento  solicitou que  retirara o termo “delincuente”, petición que Rodil rexeitou polo que recibiu unha chamada á orde.  

Desde o BNG, asegurou, témolo claro, dixémolo desde o primeiro momento  que tivemos coñecemento da sentenza do TSXG e con máis razón repetímolo agora, “o seu comportamento é absolutamente incompatíbel coas funcións que corresponden á Valedoría do Pobo e dana enormemente á credibilidade da propia institución”.

 “Por decencia, hixiene democrática e respecto aos galegos e galegas, debemos acabar con esta agonía impresentable” e lamentou que a abstención do Partido popular favoreza a permanencia da valedora no seu cargo a pesar de ter cometido “desvío de poder e flagrante vulneración na designación dunha praza”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG