O BNG denuncia a persecución xudicial contra organizacións independentistas galegas na Jaro II

Encontro Jaro II
Encontro Jaro II
O deputado Néstor Rego cuestiona que unha vez levantada a suspensión de actividade de Causa Galiza se pida de novo a súa ilegalización sen que exista ningún elemento novo que o xustifique

O BNG demanda explicacións ao Goberno central sobre a mudanza de posición por parte da Fiscalía do Estado, pasando de, aparentemente, pretender apoiar a retirada dos cargos a solicitar penas de prisión para todos e todas as procesadas no operativo Jaro II.

A formación nacionalista ve neste operativo un claro exemplo da utilización da Administración de Xustiza e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para a persecución de ideas políticas, en concreto para perseguir o independentismo político galego. Todo o operativo policial e xudicial despregado no levou á localización de probas da comisión de ningún delito, ao contrario, puxo de manifesto a intención de investigar, perseguir e criminalizar a actividade política independentista. E así se decretou a ilegalización de Causa Galiza e o procesamento de nove militantes baixo a acusación de ser o “brazo político” dunha suposta organización armada.

O BNG considera inxustificada esta actuación e desproporcionadas as penas que pide a Fiscalía que van dos catro aos doce anos para os doce investigados, sumando un total de cento dous anos, incluíndo o delito de integración en organización criminal para a comisión de enaltecemento do terrorismo, solicitando dous anos máis para cada acusado e acusada por cada unha das veces que a Fiscalía considera que se incorreu nese enaltecemento.

Aliás, entende que carece de sentido pretender a ilegalización de organizacións políticas e sociais como Causa Galiza ou Ceivar.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG