O BNG denuncia o peche de camas e de quirófanos no verán o que repercute negativamente a asistencia sanitaria

Montse Prado
Montse Prado

450 camas menos en diferentes hospitais e 12 quirófanos cerrados na EOXI de Santiago, exemplos citados pola portavoz  de Sanidade Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, levou ao pleno o recorte de camas e doutros recursos sanitarios no verán e as consecuencias desta redución que afecta tanto a prestación do servizo sanitario e das condicións de traballos dos profesionais da sanidade pública.

“Fan este peche con escurantismo, falla de información,  comunicacións verbais, comunicacións a última hora, ou directamente non se informa, nunca hai  información por parte do Sergas que permita saber cantas, onde, por canto tempo en que especialidades, cal é a xustificación e cando se van volver abrir”, denunciou.

A pesares diso, salientou, “sabemos que pechan na área de Vigo o 20% das camas, o  60% no Meixoeiro, que pasa a ter pechadas durante 3 meses 330 camas, no Álvaro Cunqueiro velas enteiras”, explicou. Tamén o peche de 110 camas no Hospital de Conxo, de 12 quirófanos na EOXI de Santiago, máis de 90 en Pontevedra, unidades enteiras en Lugo, medicina interna e a planta de paliativos durante tres meses no HULA, “sen que se explique onde van as persoas que precisan desa atención”.

O peche de camas ten importantes repercusións tanto no aspecto asistencial como laboral, explicou Prado na súa pregunta ao conselleiro de Sanidade, “porque dificulta o acceso á asistencia sanitaria, reduce a asistencia cirúrxica, provoca sobrecarga de traballo e incrementa o risco de infeccións porque se mesturan persoas con diferentes doenzas”.

Non quedan aí as consecuencias negativas, afondou Prado, porque o peche de camas e doutros servizos, “aumenta a lista de espera, aumenta a presión sobre atención primaria e nos PACs, supón tamén mais presión sobre os profesionais para que fagan máis con menos, reducen os tempos de asistencia porque os cadros de persoa quedan baixo mínimos e aumentan as derivacións á sanidade privada”.

Desde 2009 hai 800 camas menos no sistema sanitario, o equivalente ao 10% do total, ao tempo que se incrementaron s concertos na sanidade privada un 5%. “Teñen que empezar a xestionar a  sanidade pública en función das súas necesidades e non para conseguir titulares de prensa”, reclamou Prado ao Goberno de Feixóo.

Cos mesmos métodos non se chegan a conclusións diferentes, salientou a deputada, quen considera inxustificable reducir camas cando nos concellos da costa e en moitas zonas do país aumenta a poboación pola vacacións estivais e polo incremento da actividade lúdicas e de ocio, “e aínda así se pechan camas e recursos”.

“Como pensa que se ía atender unha situación como a do Alvia con 12 quirófanos pechados na EOXI de Santiago como teñen previsto, pensa que con tres quirófanos operativos se ía poder atender unha traxedia desa magnitude, que se poden poñer a funcionar en medio hora quirófanos que están en obras? Menten descaradamente”, denunciou.

E mentres se diminúen o número de camas nos hospitais públicos nos meses de verán, “aumentan na sanidade privada e non se pecha ningún servizo son destes milagriños inexplicables”, ironizou. “Se baixa a presión asistencial, porque non se  utiliza ese tempo para reducir as listas de espera contratando a facultativos e aos que ten contratos para gardas fágalle contratos a tempo completo?” interpelou Prado a modo de conclusión.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG