O BNG denuncia no Parlamento Galego o maltrato do SERGAS ao Hospital do Salnés

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado sostén que as sobrecargas de traballo, falta de persoal, medios materiais e plantas pechadas son un castigo do SERGAS ao persoal e ao centro sanitario

A portavoz parlamentaria de sanidade do BNG, Montse Prado rexistra unha batería de iniciativas para denunciar a  situación do hospital do Salnés no que se rexistra unha importante “sobrecarga de traballo”, atención a diversas patoloxías con menos persoal e o peche da terceira planta de hospitalización. A nacionalista preguntará ao goberno se vai seguir permitindo  que o SERGAS “maltrate” ao centro hospitalario do Salnés.

Por outra parte, a nacionalista tamén alude a perda da certificación de “Hospital amigo dos nenos” por non poder cumprir o centro hospitalario coas prestacións requiridas pola distinción de UNICEF.

Prado lembra que o colectivo de enfermeiras da primeira planta leva denunciado a situación do hospital pola carencia de persoal cunha grande carga de traballo que se viu agravada en período estival con menos persoal de enfermería. Na actualidade, son atendidas as especialidades de cirurxía, uroloxía, otorrino, ou xinecoloxía ademais de atender urxencias e partos e doentes programados ingresados polas tardes o que conleva a asunción dun gran número de tarefas a maiores.

A deputada do BNG salienta a presións que outros servizos exercen sobre as enfermeiras  para seren liberados dos doentes como acontece no servizo de urxencias ou na primeira planta sen reforzo de plantilla. Outro dos problemas, sinala Prado, e a falta de supervisora de garda polas tardes e as fins de semana ao que sumou á farmacia e falta de material diverso.

Ante esta situación, a deputada nacionalista pide á Xunta que  proceda a dimensionar o cadro de persoal do hospital do Salnés, de acordo coas ratios profesionais-doentes precisas, como mínimo da media dos hospitais do Sergas, para poder ofrecer unha atención sanitaria cos estándares de calidade esixíbeis a un servizo público esencial como é a sanidade pública. E que inicie a  apertura da totalidade da terceira planta do hospital do Salnés, durante todo o ano, coa dotación de xeito estábel e permanente do persoal preciso para o funcionamento da mesma.

Por outra parte, Prado tamén reclama contratar o persoal necesario para cubrir as ausencias de persoal, e que remate coa mobilidade permanente do persoal, tanto de servizos como de especialidades, para cubrir esas ausencias.”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG