BNG denuncia no Parlamento as condicións laborais “abusivas” da empresa Surexport

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira denuncia xornadas laborais ilegais, discriminación salarial e insultos “racistas e xenófobos”

Pide á Xunta que interveña e non se escuse na falta de competencias sobre a empresa dedicada á produción e venda de froitos vermellos

A portavoz de Desenvolvemento rural do BNG, Carme Aira formulou unha pregunta ao goberno sobre as “condicións laborais abusivas” da empresa Surexport vinculada á produción e venda de froitos vermellos.

Aira lembra que non mes de agosto, Organizacións agrarias, sindicais, ADEGA, Espazo Agroecolóxico e Estruga convocaron unha mobilización contra o maltrato laboral da empresa aos  seus traballadores e traballadoras.

A empresa Surexport, explicou a deputada, mobiliza un grande volume de negocio e conta con 72 ha no concello de Begonte, ademais de terreos en Cospeito para o cultivo de froitos vermellos que posteriormente vende a Mercadona e Tesco. 

A parlamentaria do BNG denunciou as condicións laborais dos traballadores e traballadoras nos invernadoiros ao que sumou un modelo de produción agrícola “moi cuestionable”.

Aira afirmou que a maior parte do persoal contratado é inmigrante e sometido a “presións constantes e ameazas” con xornadas laborais “ilegais de 12hs e en condicións extremas de temperatura, escaseza de auga e sen descanso”. Os traballadores e traballadoras cobran por horas e son amonestados e ameazados sen cobrar por falar desta situación cos seus compañeiros e compañeiras. Ademais, recalca a nacionalista reciben “insultos racistas e xenófobos” xa denunciados ante a empresa e a consellería de Emprego e Igualdade sen que polo momento recibiran resposta algunha.

Amoreados, ameazados, sen descanso e con xornadas laborais ilegais

Nas vivendas facilitadas viven 4 persoas por cuarto, con dificultades para acceder á cociña ou facer a compra por mor dos horarios laborais. Por outra banda, tamén hai discriminación  no pago dos salarios e grandes diferencias a respecto de si son traballadoras galegas ou estranxeiras.

Aira explicou que recentemente morreu un traballador de 25 anos cunha enfermidade crónica que non foi atendido para a súa adaptación ao posto de traballo o que evidencia, ao seu xuízo,  que a empresa “non cumpre coa Lei de Prevención e Riscos Laborais”.

Un modelo de produción con danos medioambientais irreversibles

A deputada do BNG sumou ás irregulares  condicións laborais un modelo “de plástico e produción intensiva” contrario ao modelo de produción galego. A produción intensiva, agraria ou animal, “causa danos ao medio ambiente” e nun momento de intenso cambio climático, “algúns destes danos serán irreversibles”, remarcou a nacionalista.

Para a deputada do BNG, a Xunta de Galiza non pode permanecer “ausente nin de perfil” e escudarse en que non ten competencias. As axudas europeas  á agricultura están supeditadas ao cumprimento  de estándares que respecten a protección ambiental, a biodiversidade e a loita contra o cambio climático fronte  un modelo intensivo que  hiperfertiliza a terra, usa grandes cantidades de auga e utiliza masivamente fitosanitarios para controlar enfermidades en ambientes forzados até “a extenuación”. Os cultivos intensivos baixo plástico producen danos na paisaxe, contaminación e residuos perigosos tras a súa vida útil.   

A parlamentaria do BNG preguntou se a empresa Surexport cumpre cos estándares de “sanidade vexetal” e se o seu modelo é o idóneo para que a mocidade se arraiguen no rural e se dediquen a labores agrícolas.

Pola súa parte, o Director xeral de Gandeirías, Agricultura e Industrias alimentarias, Silvestre Balseiro Guinarte, eludiu pronunciarse sobre as medidas que tomará a Xunta ante as graves denuncias formuladas pola deputada do BNG.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG