O BNG denuncia no Parlamento as condicións laborais dos traballadores das obras de ampliación da AP-9

Rdp Luís Bará (2)
Luís Bará con representantes dos traballadores
  • Xornadas  de 10 e 12 horas, salario de 8 euros/hora, incluídos  conceptos salariais de pagas extras e vacacións, ausencia de rexistro de traballadores,  pagos   non recollidos por transferencia bancaria e traballos a 60 metros de altura son as condicións laborais e salariais que o BNG levará ao Parlamento para forzar que a Xunta tome medidas

O deputado do BNG, Luís Bará denunciou  que unha “obra da envergadura” da ampliación da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande debería ser exemplo de condicións laborais e salariais xustas e “non todo o contrario”.

O deputado compareceu ante os medios de comunicación para denunciar a situación do sector da construción nas obras de ampliación da AP-9 que cualificou de “explotación laboral” con xornadas prolongadas de  ata 12 horas, salarios de 8 euros á hora que inclúen a pagas extras e vacacións e traballos que deben ser realizados a 60 metros de altura sen o pertinente descanso. Para o deputado, esta situación provoca “un fraude a Facenda e a Seguridade Social” e o gran número de horas traballadas  polos  actuais traballadores, entre 210 e 300, impiden que se xeren novos postos de traballo.

Bará  anunciou que o BNG levará ao Parlamento iniciativas para denunciar estas irregularidades e “forzas que a Xunta tome medidasurxentes” porque, explicou, polo momento, só se produciron pequenos accidentes sen relevancia pero destacou que  o índice de sinistralidade na construción é moi alto e “toda seguridade é pouca” para previr males maiores.

Para Bará, a AP-9  representa   “un roubo” para todos os galegos e galegas durante moitos anos” e agora as obras para ampliar a capacidade da ponte de Rande, a través do convenio asinado por Fomento e a concesionaria AUDASA está a provocar unha situación que “conculca os dereitos básicos da clase traballadora” con explotación laboral, xornadas que se prolongan ata 12 horas e “fraude a Facenda e a Seguridade Social”, reiterou.

Pola súa parte, os representantes da Federación da construción da madeira da CIG, Xoán Xosé Melón e  Carlos Méndez  incidiron nas mesmas denuncias realizadas polo deputado nacionalista e lembraron que noutras construcións públicas como a depuradora de Vigo ou o Hospital Álvaro Cunqueiro, “os abusos” aos traballadores fixeron necesario crear unha comisión de seguimento. Sen embargo, explicaron  os representantes da CIG agora  vímonos obrigados a  abandonar a comisión de seguimento das obras da AP-9 ante a imposibilidade de “frear as irregularidades salariais e laborais”  polo que  decidimos iniciar as denuncias noutros foros como o do Parlamento galego.

Tras  agradecer o apoio ao grupo parlamentar do BNG, Xosé Melón e Carlos Méndez  insistiron en que as condicións laborais e salariais deben mudar polo que seguirán reclamando  “ o rexistro de xornada, pago por transferencia bancaria acorde co convenio, pagas extras, vacacións e dous turnos de traballo de 8 horas” porque   a administración “debe cumprir a legalidade”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG