BNG denuncia o “negacionismo” dun Goberno do PP que non toma medidas fronte as listas de agarda na sanidade pública

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado: “Un negacionismo inútil, porque xa ninguén lles cree. Detrás de tanta sobreactuación está a realidade que contan o persoal médico e os e as pacientes”

O BNG levou ao Pleno do Parlamento a grave situación das listas de agarda en Galiza, que está a ser denunciada polos e polas profesionais sanitarios, polas persoas pacientes do sistema público de saúde e que só atopa enfronte a inacción do Goberno do PP.

“Practican un negacionismo inútil, porque xa ninguén lles cree. Detrás de tanta sobreactuación está a realidade que contan o persoal médico e os e as pacientes”, criticou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, que aludiu aos “limbos” nos que se atopan os e as doentes por mor do retraso en axendar unha cita ou para realizar as probas diagnósticas “ou para as consultas sucesivas, para realizar as intervencións cirúrxicas ou para as revisións”, incidiu, ao que se lles suman os constantes “peches de axendas, onde non se dan citas”; problemáticas todas que xa foron inquiridas ao Executivo dos Populares na Cámara e que non obtiveron resposta.

Prado expuxo as longas listas de agarda na sanidade pública galega como exdemplo dun modelo do PP que procura beneficiar á sanidade privada por riba da pública, eido da súa competencia. Uns Populares “que levan catorce anos poñéndolle a alfombra vermella á sanidade privada, 14 anos actuando como comercial das empresas privadas e dos seus fondos de investimento”, denunciou e acusounos de ser “o cabalo de Troia” da sanidade de todas as galegas e galegos.

Un modelo do PP contestado nas rúas e nas salas de espera, tamén nas consultas, con casos denunciados polo propio persoal e as e os pacientes na prensa “como doentes que teñen que acudir a centros privados para ser atendidos e, cando non aceptan a derivación á que lles forza o PP, vénse penalizados en na situación de pacientes en espera tras a denegación, o que deixa a intervención sen prazo”.

A portavoz de Sanidade acusou aos Populares de acrecentar o deterioro da sanidade pública “promovendo a incapacidade do sistema público para dar resposta. Para xustificar a derivación, teoricamente só cando o sistema público non pode asumir a demanda, mais resulta que esa incapacidade é permanente porque actúan para que así sexa”, polo que as longas listas de espera entran, argumentou a deputada do BNG, “para xustificar o transvase de recursos e a derivación á sanidade privada”.

Esta estratexia da Consellería de Sanidade para o demérito da sanidade pública a prol da privada, recolleu Prado, consiste no aumento do orzamento destinado a asistencia sanitaria con medios privados con 205 millóns de euros; nas medidas lexislativas “como a Lei de garantías de tempos de espera, que legalizou a derivación á sanidade privada; co concerto de 1.654 camas, que fai que o o 75% das 2226 camas privadas están financiadas pola Xunta e, tamén, facilitándolle ás e aos profesionais da sanidade pública o seu paso á privada”.

Un “negocio redondo onde o Sergas pon os doentes, facilítalle a man de obra, os concertos, as derivacións... e as multinacionais a facer caixa”, recriminou ao Executivo do PP.

Fronte este modelo que reverte o carácter público do sistema de saúde en Galiza, a portavoz de Sanidade expuxo o modelo alternativo do BNG, facendo públicas a totalidade das listas de espera e as e os doentes sen data asignada para o seu tratamento “tanto as listas estruturais coma as non estruturais desagregadas por especialidade e centro hospitalario” incidiu.

A parlamentaria nacionalista, así mesmo, tamén emprazou aos Populares a “poñer luz e taquígrafos” e presentar no Parlamento un informe coas derivacións realizadas a centros alleos á rede hospitalaria do Sergas nos últimos cinco anos. Tamén esixiulles facilitar ás e os doentes a situación da súa lista de agarda; ter as axendas abertas “de xeito permanente” e non sacar ás e os pacientes delas e a restitución das listas de agarda estruturais, mantendo a antigüidade sen ter en conta se o doente aceptou a derivación a un centro privado. Propostas todas rexeitadas polo Goberno do PP na Cámara, que seguiu sen render contas do estado das listas de agarda en Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG