parlamento galego

O BNG denuncia o “maltrato sen precedentes” do Goberno do PP aos centros de investigación agrogandeira

Mini Rivas
Mini Rivas
Mini Rivas recrimina á Xunta o desleixo ao persoal investigador e uns orzamentos insuficientes para profesionais, instalacións e equipamentos

O BNG denunciou no Parlamento galego o “maltrato sen precedentes” do Goberno do PP aos centros de investigación agrogandeira ao longo das últimas tres lexislaturas, período no que “nin se realizaron investimentos, nin se cubriron prazas vacantes do persoal, altamente especializado nas respectivas áreas investigadoras, chegándose a pechar liñas enteiras de traballo”.

Deste xeito se pronunciou o deputado Xosé Luís Rivas na comparecencia ante a comisión de Agricultura da Cámara do novo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, a quen lle reclamou que mude esta situación, logo de recordarlle “o desleixo” que sofre a investigación pública agraria co actual Executivo galego.

“Escoite á xente que forma parte da Axencia, vexa e actúe tendo en conta o importante papel da investigación agrogandeira”, solicitou logo de cuestionarlle que “ben sabe que os centros de formación e investigación da Consellería do Medio Rural quedan practicamente á marxe da necesaria renovación das instalacións e equipamentos técnicos e científicos nuns orzamentos claramente insuficientes”.

Nesta liña, o portavoz nacionalista de Agricultura considerou o incremento en 6,9 millóns de euros do orzamento da Agacal para 2021 “sen relevancia, agás por dar forma a unha vella aspiración de dotar ó tesouro do Banco de Xermoplasma dunha, agardamos, localización física acorde coa súa importancia”. Ao seu xuízo, os catro millóns destinados ao denominado “Espello do Rural” de Sergude tampouco cadran “porque habendo tanto” onde usar a exigua dotación orzamentaria dunha Axencia de vital importancia para a I+D+i agrogandeira, a Xunta inviste dita partida “nun escaparate propagandístico propio dun medio rural boiante, dinámico e poboado”.

Fronte aos avances impulsados na lexislatura na que o BNG liderou a Consellería do Medio Rural, Rivas enumerou algunhas das actuacións dos sucesivos executivos do PP que levaron a investigación no sector á situación de abandono na que se encontra e entre as que citou a ausencia do plano plunianual de xestión da Agacal previsto pola lei en 2010; a aprobación seis anos e medio despois do obrigado do decreto de estatutos da Axencia ou o practicamente vetado acceso aos fondos da Axencia Galega de Innovación, mentres ao tempo se financiaban con fondos propios servizos xa existentes.

Para o deputado nacionalista, este proceso -do que deu conta máis polo miúdo nunha análise das distintas áreas de actuación desenvolvidas polos diversos gobernos do PP- trae como consecuencia, entre outras cuestións, que “un 50% das prazas de persoal investigador sen cubrir no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)”; que “unha parte importante dos postos de investigación que quedan vacantes vanse amortizar na nova RPT da Axencia que está a punto de saír, co que se condena definitivamente aos centros de investigación”, e que as mozas e mozos formados nos distintos centros “son expulsados sen ter posibilidade algunha de participar como persoal contratado nos proxectos de investigación que se realizan”.

Por todo isto, Rivas pediu ao novo director da Agacal que asuma o cargo baixo a necesidade e a urxencia de mudar as políticas desenvolvidas ata o de agora (“a nosa desconfianza vén de 11 anos ermos”, argumentou) e impulsando os distintos centros de investigación, para os que pediu os recursos e equipamentos necesarios e a obrigada dotación de profesionais investigadores.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG