BNG denuncia o incumprimento da Xunta de criterios obrigatorios na última proba do Celga 4 para facilitar aprobados

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Manuel Lourenzo esíxelle explicacións por pedir ao corpo avaliador que obviara os criterios de pronuncia e entoación no caso de candidatas e candidatos de fóra de Galiza

O BNG vén de esixir explicacións á Secretaría Xeral de Política Lingüística no Parlamento galego polas anomalías na organización e desenvolvemento das probas do Celga 4 (Certificado de Estudos de Lingua Galega) que veñen de celebrarse e nas que, segundo as denuncias tanto do profesorado avaliador, como da Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL), a Xunta facilitou instrucións para que este profesorado obviase os criterios de pronuncia e entoación para facilitar así máis aprobados. 

Así o puxo de manifesto o portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, quen advertiu de que o Celga 4 é un certificado oficial imprescindíbel para se presentar a diferentes oposicións e postos administrativos en Galiza e que, polo tanto, debe estar suxeito a toda a rigorosidade para asegurar a limpeza e fiabilidade nos distintos procesos selectivos.

“Non existe ningún país serio que conceda certificacións oficiais do nivel do Celga 4 sen coñecemento e realización ampla do sistema fonético e fonolóxico da lingua”, criticou con rotundidade para a continuación lembrar que na propia grella de avaliación e corrección para este nivel lingüístico establécese “unha pronuncia correcta, aínda que con algúns erros esporádicos no dominio fonolóxico”, e que na orde de 2007 pola que se regula o Celga recóllese “de xeito nidio a pronuncia e ortografía das realizacións do sistema fonolóxico”.

Lourenzo reprobou ao Executivo os feitos denunciados polo profesorado avaliador, que indicou que no segundo día das probas do Celga 4 celebradas o pasado 21 de maio, unha das persoas da comisión de avaliación “ordenou, baixo ameaza de consecuencias para quen se negara, que non se tivera en conta o criterio de pronuncia e entoación á hora de puntuar os exames de candidatos castelanfalantes provenientes do resto do Estado”.

“Quen deu esta orde? Minte o medio centro de profesores que a recibiron?”, cuestionou con severidade, logo de preguntar se esta orde terá algo que ver cos datos de suspensos no Celga 4, polo que cuestionou ao secretario xeral de Política Lingüística se puxera en relación “o elevado número de suspensos (de ata o 70%) co recorte drástico nos cursos de formación”.

O deputado nacionalista tamén recordou que hai 63 sentenzas ratificadas polo Tribunal Supremo que castigaron ao Goberno do PP por vulnerar os dereitos laborais do corpo de avaliadores e advertiu de que un dos feitos condenados foi o emprego de funcionariado da consellería coas competencias educativas para realizar as tarefas do profesorado avaliador no medio do conflito laboral. “A Xunta, nos últimos anos, obrigoulles a renunciar á participación nas probas a todos aqueles membros do corpo avaliador do Celga que obtiveran praza como profesorado de secundario ou mesmo substituían nel; porén, nesta convocatoria apareceron novas e novos avaliadores alleos ao corpo que si eran profesorado funcionario de secundaria”, denunciou.

Nesta liña, tamén criticou que, mentres na convocatoria dos últimos catro anos, as probas orais do Celga 4 eran realizadas a diferenza do resto de niveis por unha única persoa entrevistadora-avaliadora e completadas despois pola escoita e avaliación da gravación a cargo dunha segunda, nesta última convocatoria a avaliación realizouse por parellas como o resto de niveis. “Mesmo se chegou a empregar o criterio dunha persoa do corpo de avaliadores e un dos novos para que estes aprendeses a mecánica do exame oral na composición destas parellas”, explicou para concluír cuestionando: “déuselles consignas a estas e estes novos avaliadores de relaxar os criterios de avaliación para aumentar os aprobados?”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG