Galiza incumpre a xestión de residuos sólidos e a normativa europea de reutilización e reciclaxe

Ana Miranda
Ana Miranda

Ana Miranda lamenta o atraso no trámite da Petición presentada pola Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe en 2014

A eurodeputada do Bloque no Parlamento Europeo, Ana Miranda, participou hoxe na Comisión de Peticións da que é titular para denunciar que o Goberno galego incumpre a normativa comunitaria en xestión de residuos por non estabelecer a súa xerarquía e por non realizar medidas de prevención e preparacións para a reutilización e a reciclaxe. 

Na súa intervención Miranda lembrou a Petición presentada no ano 2014 pola Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe, composta por 35 asociacións e organizacións, e queixouse polo retraso que leva esta denuncia. “Tivo que vir o BNG para que este tema sexa tratado por fin na Eurocámara. Queremos que esta petición se trate o antes posible porque levamos catro anos agardando”.

O Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza foi aprobado en 2011 e cofinanciado pola Comisión Europea con 72 millóns de euros. Este proxecto presenta o problema de que promove o modelo de xestión e as instalacións de SOGAMA, e se caracteriza por basearse nun sistema centralizado de tratamento no que os residuos percorren grandes distancias dende onde se xeran ate as instalacións de tratamento, cun alto consumo enerxético na recollida e no transporte. 

“Lamentablemente, este modelo ineficiente e contaminante é maioritario en Galiza”, denunciou a eurodeputada do BNG, quen afirmou que o modelo SOGAMA incumpre a aplicación da xerarquía de xestión de residuos e diferentes elementos normativos relacionados coa eficiencia enerxética esixida á incineración con recuperación de enerxía para poder considerala como valorizacións no canto de eliminación. A eficiencia de SOGAMA é moi inferior ao valor mínimo do 0,6% establecido pola Directiva 2008/98/CE de residuos. 

Excesivos recursos para a eliminación

Ana Miranda criticou, apoiando a denuncia da Plataforma galega, que o actual Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza (2010-2020) non modifica o plan de 1998 pois continúa a ter unhas instalacións sobredimensionadas e financia a eliminación en vez da recuperación e reciclaxe. Neste sentido explicou que destina 3,4 veces máis recursos económicos a cada tonelada eliminada que a cada tonelada reciclada e 7, 2 veces máis recursos económicos a cada tonelada eliminada que a cada tonelada prevenida. Estes datos significan na práctica que non se acadan os obxectivos de prevención e preparación para a reciclaxe.  

Para o BNG “é unha fraude á normativa europea de prevención de residuos, pois non realiza a recollida separada para a valorización e a promoción da reutilización e a reciclaxe”. A estes inconvintes súmanse os altos custes de transporte deste modelo debido á centralización de residuos, ao ter que percorrer distancias de máis de 100 quilómetros. 

Isto a súa vez supón un aumento da contaminación oposto aos obxectivos medio ambientais europeos, incrementando o cambio climático e pondo en perigo a saúde e o medio ambiente. O Goberno do PP promociona un modelo centralizado en vez de atender ás normativas europeas que obrigan a un modelo descentralizado de tratamento de residuos de proximidade, e consolida un modelo ineficiente e cun gran impacto ambiental. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG