O BNG denuncia que os fondos dos grupos de acción social da pesca non se destinan ao sector

Montse Prado
Montse Prado

Prado acusa á Xunta de destinar eses recursos precisamente para derivar a actividade pesqueira cara outros sectores como o turístico, cando deberían mellorar as rendas e as condicións laborais da xente do mar

“Non queremos que a xente do mar se dedique a facer camas ou a poñer copas, queremos que siga vivindo da pesca”, recalcou

O BNG denuncia que os fondos dos grupos de acción social da pesca non se destinan ao sector

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, criticou a utilización que a Consellería de Pesca está a facer dos Grupos de acción social de pesca (GALPs) por considerar que non atenden nin resolven as necesidades do sector. De feito, denuncia, non son máis que un conxunto de actuacións inconexas, sen estratexia nin finalidade algunha e que, para colmo, financian propostas que apenas teñen que ver co sector ao que deberían atender.

Os oito GALPs operativos, -recalcou-, están conformados por unha maioría non vinculada á actividade pesqueira directamente, senón ambiental ou turística, entre outras. Por iso,  “as prioridades destes grupos non son adoptar medidas para poder mellorar as condicións de vida das persoas que traballan no mar, para avanzar no relevo xeracional ou para incrementar as rendas, senón cuestións colaterais metidas con calzador”, denunciou Prado.

A modo de exemplo, a deputada enumerou algúns dos proxectos financiados baixo o paraugas destes grupos: “En algúns casos levan na nomenclatura a palabra mar ou mariñeiro, pero aí se acaba todo”, criticou.

Así, entre os proxecto subvencionados, “o Nautico Longe Bar, o Beach Club Coffee, a Taberna Airiños do Mar, escola infantil Tranvía do Mar, o albergue para peregrinos Estela do Mar, Hotel Solpor do Coío, Hotel A Maríña, unha travesía por mar no Club de iates de Baiona, unha cervexa artesana con auga de mar claro, restaurantes, campings, Ola, Ola actividades do mar. Como se ve todo moi mariñeiro”, ironizou Prado, tras a exposición previa feita pola titular de Pesca da xestión dos GALPs.

“Con isto quero dicir que a súa preocupación señora conselleira tiña que ser traballar pola xente do mar para mellorar as rúas rendas e as súas condicións laborais, non preocuparse por cuestións laterais que, non digo que non sexan importantes, pero corresponde a turismo e, en ningún caso, deben detraer recursos que tiñan que ser destinados aos sector da pesca”, argumentou a deputada do Bloque.

Neste sentido, Prado lembroulle á Rosa Quintana que nos dez anos que leva á fronte da consellería, -tamén o período de funcionamento dos GALPs-, Galiza perdeu 3.769 persoas afiliadas a Seguridade Social no sector da pesca, cando un dos obxectivos destes programas era a creación de emprego. Igualmente, hai 48 PERMEX menos, 800 barcos menos e a frota galega precisa modernización urxente porque ten 36 anos de media, a segunda máis vella do Estado.

Con este balance do sector, reprochou Prado a Quintana, “vostede decide ao ditado do Estado español e da UE que son quen marcan as actuacións que se poden subvencionar e cara onde ten que ir o sector, fomentando estas alternativas de traballo que, insisto, non discuto que sexan necesarias, pero dos que se habería que ocupar desde outros ámbitos e non usando recursos previstos para o sector pesqueiro”.

O mar como medio de vida

Entre os problemas denunciados polos propio sector, que a Xunta non está a resolver por medio destes grupos de acción social: falta de relevo xeracional, falta de transformación que engada valor engadido ao produto, deficiente xestión dos recursos pesqueiros, escasa visibilidade dos logros da pesca artesanal, baixos prezos en primeira venda, falta dunha estratexia de comercialización. “Estas son as debilidades que detecta o propio sector, pero ningún deles vai ser resolto con este enfoque dos GALPs”, recalcou.

A gran cuestión é que non se considera ao mar como unha cuestión estratéxica para este país, porque o deseño do Estado e da UE, -que a Xunta do PP asume-, é darlle cada vez menos peso ao sector pesqueiro.

“Queremos que a xente do mar siga traballando no mar, non queremos que pasen a facer camas nos hoteis ou a poñer copas nos bares, que son traballos moi dignos claro está, pero no se trata de desmantelar o traballo no mar como fan as súas políticas cun seguidismo acrítico do que dita o Estado e a UE”, concluíu Prado.