parlamento galego

BNG denuncia a falta de compromiso da Consellería do Mar para a creación dun seguro colectivo para cubrir perdas económicas no sector marisqueiro

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez: “a Consellería debera ter xa contemplado e xestionado dende hai anos este seguro porque fenómenos como as mareas vermellas non son novos, aínda que si cada vez máis frecuentes”

O BNG demandou ao Goberno do PP na Cámara a creación “canto antes”  dun seguro colectivo para cubrir perdas económicas no sector marisqueiro, como o propio Executivo Popular prometera hai máis dun ano, e estude a posibilidade de incluír outras situacións “que se sumen á cobertura de danos por ter que devolver ao mar ou retirar da industria o produto recollido en zonas que son posteriormente pechadas”, detallou a portavoz de Pesca e Marisqueo, Rosana Pérez.

Pérez puxo como exemplo para estas subvencións “que existen nos seguros agrarios” ,onde se promove a súa contratación “entre gandeiros, labregos e incluso na acuicultura continental”, sinalou. Estas axudas inclúen “a contratación de seguros por imprevistos meteorolóxicos e cobertura de danos para a maquinaria e investimento tecnolóxico”, algo que a portavoz de Pesca emprazou a trasladar, tamén, ao sector marisqueiro, “non nos explicamos porque non se traballa nisto, tamén, na Consellería do Mar”, criticou.

Esta demanda “véñena demandando as confrarías da provincia de Pontevedra e a Asociación Galega de Depuradores” que esixen un seguro para facer fronte aos custos de ter que devolver ao mar, ou retirar da industria, o produto recollido en zonas que son pechadas despois INTECMAR. Un servizo “que a Consellería debera ter contemplado e xestionado dende hai anos porque as mareas vermellas non son un fenómeno novo aínda que si cada vez máis frecuente”, argumentou a parlamentaria de Pesca.

Esta situación de mareas vermellas, trasladou a deputada do BNG á Antonio Basanta, director xeral de Pesca, “vén sendo moi agresiva e duradeira nos últimos tempos, afectando tanto ao sector mexilloeiro como ao marisqueiro e, como consecuencia, a ter efectos económicos entre os traballadores e traballadoras do mar dedicados a estas actividades” argumentos que empregou para defender a urxencia na habilitación destas axudas ao sector marisqueiro, tal e como o PP prometera no 2021.

De feito, a portavoz de Pesca puxo o foco no caso que se deu na ría de Muros e Noia e na afectación que esta toxina causou nos bancos marisqueiros, cun notable retraso no comezo da campaña marisqueira do 2022 ao 2023, o que conlevou “á inactividade directa e perda de ingresos de máis de 1.500 persoas  á que, en moitos casos, hai que sumar a cantidade que están a desembolsar para a cotización da súa seguridade social”, detallou.

Fronte esta situación “non cabe máis tempo de agarda, e se se anuncia, entendemos que xa se teñen mirado as contías e posibilidades... Mais non, só quedan en titulares”, denunciou Pérez, que fixo traslado ao Goberno do PP destas demandas, ademais da proposta “doutras medidas para evitar as perdas económicas do sector marisqueiro en episodios climatolóxicos adversos”.

Unhas demandas que Antonio Basanta trasladou para unha futura orde da cal non deu ningunha data concreta nin compromiso específico, decisión que Pérez cualificou “dun anuncio, e a partir de aí non temos máis nada, non sabemos moi ben cando imos coñecer esta orde que están a preparar”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG