O BNG denuncia o escurantismo da xunta en relación á investigación dos contratos con PEMEX

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “A sombra da corrupción afecta ao prestixio do sector naval galego, tras un balance de sete anos de telenovela nos que vimos máis fotos que barcos”

A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, pediu explicacións ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, en relación a investigación anunciada polo Goberno mexicano dos contratos de Pemex con estaleiros galegos, Barreras e Navantia Ferrol, nunha negociación auspiciada e publicitada polo Executivo de Feixóo.

“Se foxen un goberno digno de tal nome comparecerían motu propio para dar explicacións, porque os feitos polos que preguntamos ratifican que o seu historial con Pemex ten sido unha hipoteca pasada, presente e futura para o naval galego”, indicou Presas, quen subliñou que “non é unha boa nova que as sombras de corrupción salpiquen a Galiza, e demostra que no historial do Goberno do PP coa empresa mexicana hai máis sombras que luces”.

Un “historial” que se resume en sete anos “nos que vimos máis fotos que resultados, máis fotos que barcos”, ironizou a deputada na súa interpelación a Conde, a quen mostrou unha serie de imaxes do presidente da Xunta e do propio conselleiro posando con directivos de Pemex agora investigados por suposta corrupción, como José Manuel Carrera Panizzo, Emilio Lozoya e Carlos Roa.

O Bloque considera importante que o Goberno do PP dea explicacións, porque este asunto “afecta ao prestixio dos estaleiros galegos”, e non se pode agochar baixo un manto de escurantismo como pretende o Executivo de Feixóo vetando unha comparencia no Parlamento.

Ademais, Presas fixo balance do tan publicitado contrato coa empresa mexicana: “o seu saldo con Pemex é de sete anos de telenovela e dous floteis, pero nada dos 14 remolcadores, nada dos dous quimiqueiros, nada dos buques tanque, nada da atuneira, nada da construción da frota menor de Pemex para as empresas galegas, nada da base loxística en  Punta Langosteira e nada  do segundo flotel anunciado para a ría de Vigo”, concluíu, sen que o conselleiro de Industria dese explicación algunha máis aló de criticar ao BNG por exercer o seu labor de control parlamentario.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG