parlamento galego

BNG denuncia a discriminación e ocultación de Ana Pontón nos servizos informativos da CRTVG

María Albert
María Albert

González Albert, a Sánchez Izquierdo: “Só procuran o éxito electoral do PP e para iso botan man dos 100 M€ que pagan as galegas e galegos pola CRTVG”

O BNG levou á Cámara a situación de discriminación e ocultación informativa da axenda da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Esta estratexia, levada ao cabo polo Goberno do PP, busca privilexiar na axenda informativa dos medios públicos galegos ao Partido Popular e os seus representantes, nomeadamente de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, nunha campaña de promoción de Feijóo en Madrid mentres silencian a Pontón en Galiza.

“Só procuran o éxito electoral do PP e para iso botan man dos 100 M€ que pagan as galegas e galegos pola CRTVG”, denunciou a portavoz parlamentaria para a CRTVG, María González Albert, que advertiu a Sánchez Izquierdo, director xeral do ente, que o BNG está a realizar un seguimento do escaletado e de axenda dos servizos informativos da Corporación, que privilexian, por exemplo, declaracións de Alberto Núñez Feijóo, líder do PP, “salvo cando é noticia para o resto de medios do Estado cando as súas declaracións son criticables”, declarou.

González Albert recriminou a orientación partidista na cobertura da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, “que non aparece até os minutos 29 e 38 do Telexornal”, é dicir, cando este está a rematar, o que evidencia “que se lle da máis improtancia ao líder da oposición española sobre a líder da oposición no País para o que emite a CRTVG, Galiza”. O BNG, criticou, “ocupa moito máis espazo na escaleta dos informativos cando non actúa como suxeito activo, senón cando o PP ten unha critica que lle dedicar”.

De feito, a deputada do Bloque sinalou que, cando a líder da oposición en Galiza é protagonista da nova en cuestión, “nunca aparece antes do minuto trinta”, o que se enmarca dentro dunha “estratexia para garantir a supervivencia no poder de Rueda e favorecer, na medida das súas posibilidades, a chegada ao poder de Feijóo en Madrid”. O enfoque da CRTVG controlada polo Goberno do PP, denunciou, “fai un seguimento moitísimo máis intenso do día a día de ERC que do BNG”.

González Albert denunciou “o escándalo” que supón esta ocultación da líder da oposición en Galiza e emprazando á dirección da CRTVG “a asumir responsabilidades”, esixencias desouvidas polo director xeral da CRTVG.

A deputada  nacionalista destacou concluíndo que a manipulación dos medios públicos galegos é tal que arrastra unha longa protesta dos e das súas traballadoras que levan 251 venres negros denunciando o uso partidista da TVG e da Radio Galega. Tamén a xornada de folga con amplo seguimento do seu persoal traballador que tivo lugar pasado martes, 7 de marzo, para rexeitar a manipulación dos seus contidos e servizos informativos.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG