BNG denuncia a discriminación da muller nas axudas para explotacións agrarias por parte da Consellería do Medio Rural

Carme Aira
Carme Aira
A deputada Carme Aira visibilizou o caso dunha muller que non puido percibir as axudas ao estar o seu contrato suspendido por mor dos riscos para o embarazo e a maternidade

O BNG exixiu no Parlamento o fin da discriminación á muller nas convocatorias de axudas públicas no medio rural da Xunta, xa que as mulleres están en risco de perder estes apoios económicos debido á suspensión de contrato por causas derivadas do embarazo, maternidade ou lactancia.

A portavoz parlamentaria de Medio Rural, Carme Aira, amosou o caso dunha muller que, querendo incorporarse á actividade no medio rural, foille rexeitada a axuda de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas cofinanciadas polo fondo Europeo de desenvolvemento rural (FEADER). Para a denegación, alegouse que a solicitante non podía xustificar a súa condición de agricultora profesional debido á súa situación de suspensión de contrato polo seu embarazo. A solicitante viuse apartada “porque os requisitos a superar eran inalcanzables para ela polo único feito de xestar, parir e lactar, é dicir, polo feito de ser muller”, denunciou Aira.

A deputada subliñou “as trabas a esta muller e nai, en situación desigual con outras mulleres ou homes con permisos por maternidade ou paternidade”, citando incluso á Valedora do Pobo, que no seu informe anual evidenciou que a Xunta contravén neste caso a súa propia normativa en materia de igualdade.

A afectada solicitou que lle fora ampliado un ano o prazo para poder incorporarse, mais lle foi denegado pola consellería do Medio Rural. Finalmente, o caso foi levado ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que lle deu a razón á muller, que malia os constantes impedimentos do Goberno do PP, puido percibir o apoio económico para a súa empresa agropecuaria.

Fronte a esta discriminación no medio rural que sofren as mulleres polo feito de selo, a deputada do BNG puxo o foco no feito de que, por primeira vez en 60 anos, a Política Agraria Común da Unión Europea recoñeceu a importancia de visibilizar e apoiar o labor da muller agricultora e gandeira. Un retraso notable cunhas “medidas estéticas que non corrixen o fondo”. Aira concluíu recriminando ao Goberno do PP o seu desinterese e o seu “descaro para manter a desigualdade conscientemente”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG