A portavoz de Facenda e Función Pública do Grupo Parlamentario do BNG, Noa Presas, denunciou a “reforma pola porta de atrás” do Instituto Galego de Estatística que o Goberno de Rueda pretende levar a cabo no seu “afán de control político”. Unha reforma que, advertiu, pon en cuestión a imparcialidade deste organismo público e abre a porta á privatización de “información sensible” da Xunta.
“Independencia profesional e imparcialidade son principios reitores do IGE por lei e agora están en xaque polo afán privatizador e de control político do Partido Popular”, advertiu a deputada nacionalista, que asegurou ademais que os plans anunciados polo Goberno de Rueda esta mesma semana fan “saltar polos aires” a Lei de Estatística aprobada por unanimidade no Parlamento hai menos de tres meses.
O anuncio da Xunta para alterar a estrutura e adscrición do IGE e privatizar a xestión da información estatística galega é, segundo sostivo Presas, un “paso máis no baleirado de contido de organismos do noso autogoberno” para “amoldar a realidade aos desexos” do Partido Popular. “É unha reforma que se enmarca na deriva autoritaria e antidemocrática do PP de Rueda, un PP cada vez máis botado ao monte que acaba de anunciar un paso máis para dinamitar e diluír o autogoberno galego e para afondar no control político de organismo públicos que deben ser independentes”, afirmou.
A deputada nacionalista lembrou, neste sentido, como nos últimos meses o Executivo do PP cuestionou o traballo feito polo Consello de Contas (contratos a dedo, sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro) ou polo Consello da Cultura Galega (situación do idioma, Altri...), e como esta mesma semana intensificou o seu control político sobre a CRTVG cunha nova lei que é un “asalto antidemocrático” aos medios de comunicación públicos para que fagan de “correa de transmisión” da posición política do PP.
Presas subliñou ademais que esta mesma semana o TSXG vén de anular a privatización da tramitación de avaliación ambiental que Feijóo impuxo na Lei de reactivación económica de 2020. Tal e como denunciaron entón o ecoloxismo galego e o BNG, e como acaba de ratificar a Xustiza, “convertíase directamente a avaliación ambiental nun mero trámite automático feito por empresas privadas no lugar de estar controlado desde o público por traballadores e traballadoras independentes”.
Outro exemplo de baleirado do público ao que agora se suma o anuncio para controlar e privatizar o IGE, organismo que tamén foi cuestionado pois, tras publicar os “demoledores e obxectivos” sobre a situación da lingua galega, a Xunta decidiu pagar un estudo privado “para poder levarlle a contraria”. “Un cuestionamento sen precedentes nos 37 anos de historia do Instituto Galego de Estatística”, salientou.
Presas criticou que o Goberno do PP pretenda impoñer e súa reforma, que inclúe que o IGE pase a depender de Presidencia e quede subsumido na Oficina Económica da Xunta, “ese gran invento da investidura de Rueda que vimos que non ten ningún tipo de resultado dende o punto de vista industrial”. Unha reforma que, ademais, contempla a licitación dun contrato para que empresas tecnolóxicas centralicen e exploten datos dos que dispón a Xunta. “Isto é gravísimo e vai na dirección contraria da lexislación, que sitúa a independencia profesional e a imparcialidade como principios reitores do IGE”, insistiu.
É por iso que o BNG vai pedir, por unha parte, a comparecencia inmediata da Xunta no Parlamento para que dea explicacións sobre os cambios no IGE e, pola outra, paralizar a reforma e sometela a control do Parlamento e do propio Consello Galego de Estatística.