parlamento galego

O BNG denuncia as deficiencias na asistencia sanitaria do Sur da provincia de Lugo e pide á Xunta o mesmo trato que no resto das áreas galegas

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira reclama incrementar os recursos humanos e materiais no Hospital de Monforte e a posta en marcha da UCI, programada no ano 2006

Na comisión de sanidade celebrada no Parlamento galego, a  deputada nacionalista, Carme Aira defendeu  dotar o hospital Comarcal de Monforte das especialidades e persoal necesario así como a elaboración dun plan para reducir os tempos de garda nas consultas e atención hospitalaria, axilizar as probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas e procedementos terapéuticos. Aira pediu “o mesmo trato” que no resto das áreas sanitarias galegas porque “en Monforte tamén pagamos impostos e non queremos ser tratados como cidadáns de segunda”.

Por outra parte, a deputada do BNG sumou ás reivindicacións sanitarias, un incremento de  medios humanos e materiais  nos centros de saúde, corrixir as deficiencias do PAC de Monforte pola súa grande repercusión e “dotar de persoal e medios unha UCI”, programada dende o ano 2006 e que só conta co habitáculo.

Na súa intervención, a nacionalista lamentou que a portavoz popular, Encarna Amigo negara as deficiencias referenciadas polo BNG  e acusou ao PP de  continuar co seu “slogan”. Sen embargo, dixo, a realidade  é que tanto traballadores e traballadoras  como persoas usuarias non  perciben “esa panacea” máis ben todo o contrario. O hospital comarcal de Monforte, tras a súa ampliación non conta cun PAC adecuado nin está  imbricado no hospital de urxencias. O PAC é “un servizo de urxencias extrahospitalarias” e non un centro de alta resolución, asegurou.

O BNG pide poñer en marcha a  UCI de Monforte, programada dende 2006

Entre as eivas do hospital a deputada destacou os problemas derivados  das  prazas sen cubrir, entre elas, a xubilación dun dixestólogo e unha neuróloga  que deben ser suplidas por persoal facultativo procedentes de Lugo para pasar consulta e realizar probas. Estamos, aseverou, ante un verdadeiro “paseillo” de médicos e médicas e incluso a ausencia  do director  de distrito   obrigou a que  sexa un enfermeiro o  encargado de organizar o hospital. Pola súa parte, a xerencia da EOXI “aínda non se pronuncio” ao respecto.  Aira recalcou que o hospital debe ”recuperar a súa capacidade de  xestión e ser dirixido dende Monforte”.

Na súa intervención,  Carme Aira cargou as tintas sobre a falta  do servizo UCI. “A UCI leva programada dende o ano 2006 pero só no habitáculo por que do resto,  carece de  dotación de medios humanos e materiais.” Si non temos UCI en Monforte os pacientes non poden ser atendidos e deben desprazarse a Lugo, circunstancia que cualificou de “inconcibible” en pleno século XIX.

Finalmente, Aira rexeitou o argumento do Partido popular sobre a  falta de médicos para nutrir á sanidade pública e afirmou que “temos facultativos pero o PP non ten vontade de fixalos nin darlles estabilidade”.

A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Carme Aira foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG