parlamento galego

BNG denuncia a censura nos informativos da CRTVG do discurso de Sorogoyen na gala dos Premios Goya

Noa Presas
Noa Presas
O director do multipremiado filme “As Bestas” denunciou na gala a situación do espolio eólico en Galiza, discurso que foi recortado na súa emisión nos informativos da Televisión de Galiza, recriminou Presas

O BNG levou á Cámara a censura do discurso íntegro do director de cinema, Rodrigo Sorogoyen, que na pasada gala dos Premios Goya denunciou o espolio eólico en Galiza e cuxas declaracións apareceron cortadas nos informativos da TVG.

“Sorogoyen pronunciou un discurso no que gabou o amor da poboación de Sabucedo pola flora e a fauna e criticou a expansión eólica desordenada da Xunta de Galiza recollendo a loita desta parte do País contra diversos parques eólicos autorizados polo Goberno do PP”, denunciou a parlamentaria do BNG, Noa Presas, que puxo exemplos como parques de Porto Vidros e Campo das Rosas, “que ameazan o hábitat dos cabalos salvaxes que saen no filme”, declarou na comisión da Cámara para a CRTVG.

As declaracións críticas do director “resumidas en `eólica si pero non así’” fixéronse virais e recolléronse en diversos medios de comunicación, “mais non foi o caso da CRTVG”, sinalou Presas, xa que no Telexornal Mediodía do 12 de febreiro incluíuse na peza a partir do minuto 33:42 un anaco do discurso do director no que se dicía “todo o apoio ao pobo de Sabucedo pola defensa dos cabalos e dos montes”, e quitando das declaracións toda referencia crítica á política eólica do Partido Popular en Galiza.

O mesmo día, no Telexornal Fin de Semana na quenda do serán, a partir do minuto 34:40 “infórmase novamente sobre os premiados relacionados con Galiza e neste caso no 35:52, inclúense unhas declaracións de Sorogoyen xenéricas sobre a súa ledicia polo premio, sen incluír nada do seu discurso de recollida”, omitindo, noutra volta, o feito noticioso das declaracións críticas do director que, ademais, sustentan grande parte do discurso do propio filme en si, detallou a parlamentaria do Bloque.

Fronte un modelo “dinosaurio” da CRTVG, Presas cualificou como “intencionado e pouco profesional negar o dereito dos galegos e galegas que vexan o informativo a coñecer que é aquilo do que se defenden as e os veciños de Sabucedo e que se recolle no filme”. Máis aínda, incidiu, “nun contexto no que a crítica ao modelo eólico da Xunta é cada vez máis hexemónico e se atopa de actualidade pola aceleración de trámites que Xunta e Estado protagonizaron no inicio de 2023”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG