BNG denuncia unha avalancha de recortes en todos os niveis do ensino público e 435 docentes menos en secundaria

Lourenzo, portavoz de Educación, pregúntase se é maneira que ten o Goberno de Feixóo de agradecerlle ao profesorado o esforzo na pandemia

Tras 16 meses de pandemia que obrigou a un sobre esforzo a toda a comunidade educativa, a resposta do Executivo de Feixóo e un curso 2021-2022 con menos persoal nas aulas, en particular nos centros de secundaria, a través dunha redución sen precedentes que mesmo vai impedir en moitos casos que se poidan cumprir os protocolos COVID decretados pola Xunta.

“Estamos ante unha avalancha de recortes que o Goberno do PP está aplicando en todos os niveis do ensino público, especialmente grave no nivel de educación secundaria con 435 docentes menos en relación ao pasado curso escolar, un recorte sen precedentes”, denuncia o portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo.

O deputado explica, ademais, que a cifra de profesorado en nos institutos baixa incluso se se compara cos datos anteriores á pandemia,  en concreto, o recorte implica 189 docentes menos. E estes datos, provisionais recollidos nun estudo da CIG, sindicato maioritario no sector, aínda poden ser superados por cifras peores unha vez que se faga efectivo a adxudicación de destinos.

Neste contexto, Lourenzo advirte que o recorte de efectivos “deixa aos institutos nunha situación límite, de tal xeito que moitos centros educativos non van ter capacidade de cumprir os protocolos impostos pola Xunta, e todo isto nun momento en que, debido aos cambios e condicionantes impostos pola pandemia, é máis necesario que nunca reforzar o ensino público.

Por contra,  Goberno de Feixóo “vai en dirección contraria e, xusto no momento en que máis reforzos se precisan, o que temos por parte da Xunta é un recorte de profesorado sen precedentes”. Lourenzo tamén se pregunta “se está é a forma que ten o PP de agradecer todo o esforzo realizado polo persoal educativo ao longo de 16 meses de pandemia”, e avanza que o BNG vai levar este asunto ao Parlamento, “porque o que se necesita non son recortes senón reforzar o ensino público”, conclúe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG