O BNG denuncia a aplicación da “Lei Mordaza” a un sindicalista da CIG

Luís Bará, Renato Núñez e Montse Prado
Luís Bará, Renato Núñez e Montse Prado

Renato Núñez, significado sindicalista da CIG, foi “retido, reducido e cacheado” pola Policía baixo a escusa dunha sanción de tráfico

O BNG leva ao parlamento “ o acoso” da Policía nacional contra un membro da Executiva Confederal da CIG e reclama abrir unha investigación sobre os feitos que cualifica de “auténtica persecución” contra o  sindicalista.

A deputada do BNG, Montse Prado e o deputado, Luís Bará denunciaron a persecución á que se ve sometido o sindicalista Renato Núñez por “defender os dereitos e liberdades civís do pobo galego”. A deputada nacionalista explicou que recentemente,  Renato   Núñez,  “foi retido, reducido e  cacheado” pola policía nacional baixo a escusa dunha denuncia de tráfico.  Durante esta retención,  a policía fixo   lectura de documentación relativa á   central sindical depositada no interior do vehículo.

Para a deputada,  os  feitos corroboran “a persecución” da policía e a aplicación da Lei Mordaza a Renato Núñez  e salientou  que non  é  a primeira vez que o sindicalista é acosado por axentes das Forzas e Corpos de Seguridade polo que demanda da Subdelegación do Goberno “abrir unha investigación para depurar as responsabilidades pertinentes” así como  derrogar a lei para a protección cidadá, coñecida como Lei Morzada.

Montse Prado amosou a preocupación do BNG fronte a “involución democrática que estamos a vivir no Estado” nun momento de “criminalización das ideas e o   pensamento crítico” e no que se persegue as persoas discrepantes co pensamento único que o poder tenta instaurar. Neste sentido, aludiu á resposta “represiva e violenta” que o Estado español está aplicar contra todo o que signifique ser diferente e contra  persoas que defenden a clase traballadora e os dereitos e liberdades como é o caso de Renato. Este acoso, dixo, “é unha anomalía democrática” e non deixaremos de denunciala. Lamentamos que exista “unha Lei Mordaza” para limitar os dereitos e incrementar “as persecucións, as sancións e as multas”.

Na súa intervención, o deputado do BNG, Luís Bará recalcou que o caso de Renato é unha pequena mostra do que está acontecendo coa “conculcación dos dereitos fundamentais” polo que  reclamou, ao igual que a deputada  Montse Prado, abrir unha investigación dos feitos e derrogar a Lei Mordaza.

Pola súa parte, Renato Núñez cualificou “fora de lugar” a actuación da policía nacional da Comisaria de Santiago de Compostela. “Non me montes ningún numerito que te coñezo”, dixo un dos axentes que interrogou ao sindicalista, o mesmo axente que durante a folga do metal foi interpelado polo sindicalista por impedir o paso dun piquete informativo nunha empresa do sector, “un dereito fundamental” dos traballadores e traballadoras. O mesmo axente, dixo, “que me reduciu nas inmediacións do hospital de Santiago de Compostela”.

Renato Núñez lembrou que ata o Defensor del Pueblo requiriu en varias ocasión  aos funcionarios  pola súa maneira de actuar  en Compostela e no resto de Galiza aproveitando a súa posición “para crear medo”.

Finalmente, o sindicalista fixo un chamamento a denunciar este tipo de accións contra as  persoas que participan das reivindicacións sociais e defensa dos dereitos e liberdades para rematar con “este abuso de poder”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG