BNG denuncia as ameazas da Consellería de Educación sobre os centros que protestan polos recortes

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
O deputado Manuel Lourenzo condena esa política de “intimidación” a claustros que só defenden o ensino público como o IES A Sangriña de A Guarda

O BNG denunciou hoxe na Cámara a censura que o Goberno do PP está a facer cos centros de educación pública que protestan polos danos dos recortes no sistema educativo, con “chamadas” e “ameazas” da Consellería de Educación aos claustros que alzan a voz para evidenciar a precariedade viven de xeito cotiá.

O portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, evidenciou o acoso que sufriu o IES A Sangriña de A Guarda, forzado a retirar da súa web un comunicado do seu claustro no que denunciaba os danos dos recortes na calidade do ensino público. “As Xefaturas Territoriais intimidan aos equipos directivos que protestan polos recortes e lles fan saber que, de seguir no mesmo camiño, van ter problemas... Unha versión laxa da cabeza de cabalo na cama”, denunciou o deputado do BNG.

Lourenzo fixo referencia á reiterada actitude do Goberno do PP de “pasar por riba dos dereitos de quen sexa” do Goberno do PP e citou o caso da presentación da obra de teatro Recortes. O día da estrea o conselleiro de Cultura vetou o cartel que anunciaba a obra no Salón Teatro de Santiago de Compostela no que foi “o primeiro photocall promocional da historia do teatro sen o título da obra”, ironizou o parlamentario nacionalista.

“Para uns señores que se cargaron 1.000 profesores e profesoras no ensino público dende que gobernan e que actúan como comerciais do ensino privado é normal que non lles resultase cómoda a imaxe”, volveu ironizar, tachando de “autoritaria” e “ridícula” esta censura.

Neste sentido, criticou “a mentira e a manipulación” que practica o Goberno do PP coas persoas e colectivos que protestan polos recortes nos na sanidade e na educación, “recortes que afectan ás maiorías sociais e benefician aos privilexiados”. Lourenzo enxalzou a defensa do ensino público de centros como o IES A Sangriña, que realiza “un acto de civismo, de democracia e de valentía. Hai un antes e un despois no ensino galego grazas a estas mobilizacións”.

Advertiu, ademais, de que “xa non hai volta atrás” e que esta censura amosa o declive do Goberno dos Populares, un PP que “no canto de atender os problemas no ensino público perde o tempo en navalladas políticas e no caos de ceses, dimisións e conflitos entre os seus altos cargos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG