CONGRESO

O BNG denuncia actitude irresponsábel da Liga no caso do Fuenlabrada e insta o Goberno a abrir unha investigación

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama depurar todas as posíbeis responsabilidades, incluídas as legais, diante dunha actuación tan grave que puxo en risco a saúde e a vida das coruñesas e dos coruñeses e que afectará tamén a actividade económica da cidade.

BNG considera neglixente e presuntamente delitiva a actitude da Liga de Fútbol que, antepondo os seus intereses económicos e ocultando información vital, decidiu autorizar o desprazamento do equipo madrileño á cidade da Coruña.

O BNG denuncia actitude irresponsábel da Liga no caso do Fuenlabrada e insta o Goberno a abrir unha investigación
O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha iniciativa no Congreso instando o Ministerio de Sanidade e as autoridade sanitarias competentes a realizar unha investigación sobre a observancia dos protocolos sanitarios por parte da Liga de Fútbol Profesional para que, se se apreciar neglixencia nas súas actuacións, iniciar o correspondiente procedemento sancionador por vulnerar as medidas de protección sanitarias estabelecidas polo Goberno.

O BNG denuncia que a Liga de Fútbol Profesional non comunicou ás autoridades sanitarias correspondentes a detección de varios positivos por COVID19, un xogador e tres do corpo técnico, ocultando información de vital importancia para a saúde da poboación xeral e facendo prevalecer o interese comercial e empresarial da Liga sobre a saúde pública. “Esta actitude neglixente e irresponsábel por parte da Liga debe ser investigada para garantir que a saúde se antepoña sempre ao interese económico dos clubs e marcas comerciais implicadas” salientou o deputado Néstor Rego.

O BNG solicitou ao Goberno que se esclarecese se o Consello Superior de Deportes tiña coñecemento da detección dos casos positivos da COVID19 no cadro de xogadores do Club de Fútbol Fuenlabrada e se aínda así permitiu o desprazamento dos xogadores en lugar de comunicar ás autoridades sanitarias a situación para determinar o seu confinamento preventivo por razóns de saúde pública xeral.

O nacionalistas denuncian que se permitise que o equipo visitante se desprazase en avión desde Madrid, onde entrou en contacto con outros pasaxeiros e pasaxeiras, e á súa chegada se aloxase nun céntrico hotel da cidade, onde tamén se hospedaban outras persoas e que se lles permitise realizar as súas actividades con normalidade -incluído saír do hotel-, pondo en risco a saúde xeral ao expor a poboación a un posíbel contaxio.

Néstor Rego advertiu que “a posibilidade dun rebrote, ademais de pór en risco a saúde dos cidadáns e cidadás da Coruña, tamén suporía un duro golpe para a economía dunha cidade que aínda se está recuperando da crise social e económica provocada pola emerxencia sanitaria”.

 

O BNG denuncia actitude irresponsábel da Liga no caso do Fuenlabrada e insta o Goberno a abrir unha investigación