BNG demanda un Plan de axudas para redimensionar e cubrir as foxas de xurros nas explotacións agrarias e evitar os derrames accidentais de purín

Mini Rivas
Mini Rivas
Xosé Luís Rivas tamén reclamou medidas económicas para apoiar as pequenas e medianas empresas para acadar un modelo de sostibilidade e fixación de poboación no medio rural

O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu unha proposición non de lei destinada a crear un Plan de axudas para redimensionar e cubrir as foxas nas explotacións agrarias do fin de evitar os derrames accidentais.

Asemade, o nacionalista reclamou medidas económicas de apoio ás  pequenas e medianas empresa para impulsar un modelo de sostibilidade e fixación de poboación no medio rural.

Na defensa da proposta, Rivas explicou que o vertido producido este verán no Tambre ao seu paso polo concello de Trazo e  recente en Teixeiro que deixaron “sen auga potable” á cidade de Compostela por mor “do purín”, un residuo “nocivo” para o medio ambiente e a saúde se non é tratado adecuadamente.

Neste sentido indicou que as políticas dos gobernos do PP na Xunta de Galicia conduciron ás explotacións gandeiras, sobre todo as de leite, a unha “intensividade” que as fai cada vez máis vulnerables e dependentes dos insumos esóxenos por  non dispoñer de base territorial suficiente para o pasto e estas dinámicas orientaron os cultivos forraxeiros a “menos herba e máis maínzo”. Esta circunstancia, recalcou o nacionalista,  debido á ocupación de varios meses da terra sen poder fertilizar con xurros, leva a que “a capacidade das fosas se volva insuficiente para almacenar o  zudre xerado neses meses”.

Para o nacionalista, os vertidos non desexados precisan  medidas políticas correctoras para o ben “da saúde humana, o equilibrio medioambiental e un mellor aproveitamento dos recursos fertilizantes orgánicos”.

A forte subida do prezo do gas natural e do custe dos dereitos de emisións á atmosfera de CO2 emitidas na fabricación de fertilizantes químicos, provocaron a paralización da actividade en   e numerosas fábricas en España (Fertiberia) e  toda Europa polo que nos atopamos ante un panorama de subida dos prezos dos fertilizantes o que constitúe unha ameaza para a viabilidade das nosas explotacións, ao que hai que sumar a  escalada nos prezos das materias primas utilizadas na elaboración dos pensos.

Mellorar a xestión de abonos para impulsar a economía circular

Sen embargo, dixo, esta situación, é unha óptima oportunidade para fomentar o modelo familiar de granxas ligadas á terra, sendo a mellora na xestión dos abonos orgánicos, un gran exemplo de economía circular, que permitiría un maior grao de autosuficiencia e tamén da redución da pegada ecolóxica das nosas granxas, pola redución de emisións indirectas de CO2 derivadas da fabricación de ditos abonos químicos.

Galicia ocupa o décimo lugar das rexións europeas produtoras de leite e a única rexión produtora que non presenta  zonas vulnerables á contaminación por nitratos. Pero aínda así, recalcou Xosé luís Rivas as políticas para a  intensificación e concentración da produción marcan realidades que están reclamando medidas correctoras na xestión destes recursos fertilizantes.

Moitas fosas actuais precisan con urxencia un “redimensionamento da súa capacidade de almacén  durante períodos de tempo máis longos, así coma cubricións que eviten que a auga da chuvia aumente o volume de xurro reducindo  o tempo e gasto de gas oíl no transporte coas cisternas, desde as fosas aos cultivos, e facilitar a creación desa costra que estanca o mesmo e evita unha parte considerable das emisións de metano, de óxido nitroso e amoníaco”, explicou o deputado do BNG.

 Por outra banda, criticou que, a Directiva 2016/2284 (Directiva de Teitos nacionais de emisións, plasmados no Programa Estatal de Control da Contaminación Atmosférica é interpretada “polos grandes entendidos na materia que nas súas conclusións de salón ou despacho de urbe non contemplan a produción gandeira ligada á terra e ao seu cultivo”, vense na necesidade de idear transformacións dese fertilizante imprescindible en enerxías, secados... Nós, os galegos, “non temos culpa de que as explotacións da España, da Meseta e mediterránea non conte con pastos nin base territorial forraxeira e non saiban que facer cos puríns”.

A xuízo do nacionalista, trátase de abordar a  realidade das explotacións  ligadas á terra e xestionar en orixe a súa autosuficiencia en abono así como de “evitar os vertidos accidentais e os apuros de xestión dos xurros en determinadas épocas do ano”.

A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG foi  rexeitada polo polo Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG