O BNG demanda no Parlamento a mellora dos accesos coa A54 no novo tramo Lavacolla-Arzúa

Acceso A-54
Acceso A-54

Mini Rivas: “Non entendemos como o deseño dunha autovía desta magnitude non tiña planificados o enlace con concellos como Touro, O Pino e Arca”

O BNG demanda no Parlamento a mellora dos accesos coa A54 no novo tramo Lavacolla-Arzúa

O BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento para reclamar do Goberno central a mellora dos accesos entre a A54, no tramo aberto o pasado Maio entre Lavacolla e Arzúa, coas poboacións próximas como Touro, O Pindo ou Arca.

“Non comprendemos como os accesos que deberán canaliza o tránsito da N547, que será a vella estrada Compostela-Lugo, non foron planificados”, denunciou o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, tras explicar que os actuais “son estreitos, con curvas pechadas, firme deficiente e, ademais, dous vehículos coincidindo en traxectos contrarios en algúns tramos terían dificultades para poder pasar”.

O que chama a atención, explica o Bloque na iniciativa parlamentaria, “é que unha flamante vía coma esta non dispoña de accesos cunha mínima dotación en canto a ancho das vías, estado do firme e das beiras dos mesmos, facéndoos perigosos e por veces intransitables”. Teñen ademais numerosas curvas cerradas que aumentan a perigosidade xeral e, de feito, teñen dificultade para cruzarse dous turismos e máis aínda se un dos vehículos é un camión.

Non se entende, recalca o BNG no texto da proposición non de lei, “que poida abrirse ao tráfico unha vía da magnitude da A54 cuns accesos que encerran unha perigosidade cen veces maior cá estrada vella. En concreto, no que afecta ás saídas de Arca, Touro-Cerceda e O Pino”.

Rivas atribúen esta situación “a unha improvisación nada menos que nunha obra da importancia da A54, que só é comparable ao estado de abandono dos tramos desta mesma A54 entre Compostela e Lavacolla, de tal xeito que un día de choiva a circulación é perigosa. Por iso, -alega-, o BNG presenta esta proposición non de lei para reclamarlle ao Goberno central que corrixa estas anomalías canto antes”.

Igualmente, o Bloque vai presentar mocións nos plenos municipais dos concellos da comarca como Touro, O Pino e Arzúa instando a tomar cartas no asunto porque hai moita veciñanza e persoas usuarias prexudicadas así como o transporte por estrada”, concluíu o deputado nacionalista.