BNG demanda a mellora da mobilidade ferroviaria na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego propón reorganización os horarios das liñas para facilitar a conciliación cos horarios laborais e familiares e atraer a novas persoas usuarias ao servizo

Defende a necesidade de implantar unha verdadeira política de prezos ampliando e flexibilizando os abonos e descontos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas para a mellora da mobilidade ferroviaria na Galiza reclamando a reorganización dos horarios e a recuperación das frecuencias que foron modificadas ou eliminadas, así como garantir a puntualidade e a seguranza do servizo. Así mesmo, a organización nacionalista demanda implantar unha política de prezos que inclúa descontos por motivos económicos, sociais, de idade e familiares para rematar coa discriminación que sofren moitas persoas usuarias do servizo ferroviario na Galiza.

A mobilidade ferroviaria posúe na Galiza numerosas carencia, tanto nas infraestruturas, como nas comunicacións diarias entre as principais cidades e vilas. Tanto os obxectivos europeos como estatais a respecto da transformación da mobilidade e o fomento dos modos de transporte sostíbeis e seguros reflexan a necesidade de impulsar investimentos estratéxicos nas infraestruturas e servizos ferroviarios.

Por exemplo, a liña ferroviaria do Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña, unha das que experimentou unha maior modernización nos últimos anos, converteuse nun dos traxectos de media distancia con máis usuarios do Estado. “Así e todo, esta liña ten importantes carencias e deficiencias que é preciso corrixir, para garantir a prestación dun servizo eficiente, moderno, competitivo e atractivo” explica o deputado do BNG. Rego sinala os problemas relacionados cos horarios e a necesidade de reorganizalos para facilitar a conciliación dos horarios laborais e familiares. Son numerosas as denuncias de persoas usuarias desta liña: “a oferta de servizos é insuficiente, non responde as necesidades de mobilidade actuais e cunha diminución das frecuencias en franxas horarias punta de entrada ao redor das 8 e de volta maioritariamente a partir do 15.30 mais tamén con picos de demanda ás 17, 18 e 19h, imprescindíbeis para a mobilidade interurbana por motivos laborais e de estudos” destaca.

Igualmente, organización nacionalista denuncia que todos os cambios producidos o pasado 21 de decembro de 2021 coa entrada do AVE “empeoraron a situación previa do servizo ferroviario interno, primando a conexión con Madrid en detrimento das comunicacións internas entre os municipios galegos”. O deputado nacionalista sinalou a necesidade de adiantar a hora de saída do tren que sae de Vigo ás 6.40h e atrasar o que sae da Coruña ás 15h para mellorar a conciliación e atraer máis persoas usuarios ao servizo de ferrocarril.

“Así mesmo, deben mencionarse os problemas existentes relacionados coa fiabilidade debida a diversas circunstancias como os atrasos na saída de Vigo -debido ao control de acceso cun único escáner, avarías, subida e baixada de pasaxeiros- os trens adoitan chegar con atraso, o que dificulta as conexións coas liñas de transporte público urbano e supón ás veces ter que asumir gastos suplementarios para poder chegar a tempo ao traballo” denuncia Rego. Dáse, ademais, a circunstancia de que foron as persoas usuarias do tren as que tiveron que negociar coa concesionaria do bus urbano da Coruña un cambio nos horarios que tivese en conta os atrasos habituais na chegada do tren.

Prezos que atraian a novas persoas usuarias

“É necesaria unha verdadeira política tarifaria, pois as persoas usuarias denuncian a rixidez dos abonos e demandan unha tarifas que teñan en conta as circunstancias económicas, laborais e familiares das persoas usuarias” enfatiza o deputado do BNG. En liñas ferroviarias de proximidade doutras comunidades existen diferentes modalidades de abonos -mensual limitado, mensual ilimitado,  bonotren-, así como descontos para as crianzas, adolescentes, maiores de 60 anos, familias numerosas…

Unha política de prezos, reclama o deputado nacionalista, que amplíe e flexibilice os abonos e modifique os prezos actuais para rematar coa discriminación que sofren as persoas usuarias da liña Ourense-Santiago-A Coruña, materia sobre a que se pronunciou en diversas ocasións o Parlamento de Galiza.

“As competencias en materia ferroviaria corresponden actualmente ao Goberno do Estado, no BNG defendemos a transferencia das competencias nos servizos ferroviarios internos de media distancia e proximidade á Xunta de Galiza” lembra Rego “con todo, mentres non se leve a cabo esta transferencia, o executivo estatal debe velar pola modernización e mellora da rede e dos servizos ferroviarios, como instrumento fundamental de vertebración territorial, cohesión social, desenvolvemento sostible e conciliación entre a vida laboral e familiar.”

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG