parlamento galego

BNG demanda medidas urxentes para incrementar a produción de semente de moluscos bivalvos para que Galiza deixe de ser dependente doutros países

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez preguntou  polo proxecto de instalacións de minicriadeiros en distintos puntos do litoral e con que resultados, anunciado  pola consellería do Mar  hai dou anos

A portavoz de pesca do BNG, Rosa Pérez, a través dunha pregunta ao goberno, demandou medidas urxentes para incrementar a produción de semente de moluscos bivalvos para que Galiza deixe de ser dependente doutros países nesta materia.

Ademais, a nacionalista tamén se interesou polos resultados do proxecto anunciado pola Consellería de Mar, hai dous anos,  sobre a instalación de minicriadeiros de semente de moluscos bivalvos en distintos puntos do litoral galego.

Na súa intervención, Rosan Pérez criticou que a A Consellería do Mar presuma de que a Xunta  contribuíu decisivamente a organizar o sector marisqueiro galego nos anos 90. Pero o certo, dixo,  é que, a partir desa organización, “pouco fixo” por  solventar os seus principais problemas como o da “produción de semente de moluscos bivalvos autóctonos”, na actualidade  “insuficiente” para atender as  necesidades do sector marisqueiro galego e para rexenerar os bancos marisqueiros.

“Este déficit”, afirmou,  Rosana Pérez foi recoñecido pola propia  Xunta en innumerábeis ocasións  e lembrou que a importación de semente de Francia,  Portugal e  Italia medra máis cada ano.

No ano 2021, a propia Consellería de Mar volvía a anunciar que estaba a traballar nun proxecto para instalar minicriadeiros de semente de moluscos bivalvos en distintos puntos do litoral  co fin de aumentar a produción, impulsar a produtividade dos bancos marisqueiros, elevar os ingresos do sector e crear novos postos de traballo. Pero eses obxectivos, a xuízo da nacionalista son , a día hoxe,  “quimeras”  que se contradín  cos datos reais.

No ano 2020, a Consellería subvencionou a compra de 36 millóns de unidades de ameixa autóctona,  “cantidade irrisoria” fronte aos 60 millóns que xestiona a Agrupación de Parquistas de Carrril ao que hai que sumar as cantidades que cada produtor pode conseguir.

Os “esforzos” da Consellería, salientou a deputada do BNG,  son máis de “palabra que de acción” e isto obriga  ás  confrarías a buscar cría para os seus bancos fóra, no norte de España ou noutros  países.

Todo o mundo coincide (empresas, confrarías, depuradoras, produtores) en que a semente de bivalvos é o gran problema sen resolver do sector pero  a Xunta, no canto de poñer “toda a carne no asador” continua respondendo con  “propaganda”.

O proxecto dos minicriadeiros que a Xunta de Galiza  anunciou a primeiros do 2021 e que se  presentaba como candidato a acceder aos fondos europeos descoñecemos se finalmente se materializou máis “alá da propaganda”.

Por outro lado, engadiu, todo indica que un dos principais problemas dos criadeiros é a mortaldade de alevíns. Ante esta circunstancia,  a Xunta encargou  varios estudios para detectar as causas para tratar de evitalas. Un dos últimos estudos foi elaborado pola USC hai máis dun ano e rematará  en decembro deste 2023.  “ Agardemos que se podan coñecer as súas conclusión e aplicar medidas para unha produción de semente para que Galiza siga sendo unha potencia marisqueira”.

A parlamentaria do BNG lembrou que o ano pasado, no mes de outubro, a través dunha  interpelación do BNG sobre a perda de produtividade das rías galegas, a conselleira, Rosa Quintana,  volveu a afirmar que se estaba a “incentivar a produción de hatcherys no país, así como as bateas destinadas ao engorde da semente que se obtén nelas”.

O sector marisqueiro galego leva escoitando promesas dende hai anos sobre este asunto, pero “nada cambia” e non se dá resposta á demanda de semente mentres  por parte de países da nosa contorna  e que fai que  a produción galega sexa cada vez máis dependente.

En Galiza tamén existen empresas privadas que reciben importantes subvencións públicas e que producen semente e que subministran cría, pero hai moi poucas que realicen o ciclo completo de produción ao fallar  no primeiro paso, “no desove”, que se realiza fóra de Galiza. A súa produción é polo de agora tamén insuficiente para dar abastecido, incluso en anos normais, sen problemas metereolóxicos graves, ás confrarías e aos produtores galegos.

Tras a intervención do director xeral de Pesca e acuicultura, Antonio Basanta que salientou a colaboración entre a consellería e o sector,  a parlamentaria do BNG replicou que esta colaboración resulta “inexplicable” sobre todo despois de 14 anos de goberno do Partido popular porque  “Galiza continúa na cola”  en produción de semente.

Ademais do contacto que manteña a consellería co sector, dialogo que nunca debe faltar,  que accións emprendeu a titular de  Mar  e o goberno do PP para resolver un dos problemas que afectan gravemente a un  país produtor de marisco bivalvo como Galiza ante a falta de semente, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG