O BNG demanda máis recursos humanos e materiais para o servizo de urxencias do CHUS

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado pide ao director de Asistencia Sanitaria un encontro cos traballadores e traballadoras do servizo e que escoite as alternativas dos profesionais para resolver unha situación caótica e de continuos colapsos por falta de medios

O BNG demanda máis recursos humanos e materiais para o servizo de urxencias do CHUS

A deputada do BNG, Montse Prado preguntou hoxe ao goberno que medidas vai tomar ante as deficiencias detectadas no servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela ante a falta de persoal e recursos. A deputada lembrou que o persoal mantén unha folga ante a negativa do SERGAS a sentarse e dialogar na procura de solucións.

Non existe un plan funcional e mesmo o SERGAS na última reunión co comité de folga, comentou a deputada asumiu esta realidade a que  sumou a falta de persoal  que dificulta o desenvolvemento do plan. Prado recalcou que a demanda no servizo de Urxencias do CHUS segue medrando pola gran número de concellos e  cun persoal xa escaso que, a pesar deste aumento  “non foi incrementado”.

A nacionalista explicou  que nun momento puntual o persoal redobra a súa actividade pero o SERGAS “non pode reclamar este tipo de esixencia de maneira continua”. A deputada asegurou que o servizo de Urxencias atende diariamente unha media de 400 doentes e referiuse ao pasado 29 de outubro día no que foron atendidos 448 doentes dos que 61 foron ingresados en diferentes especialidades, “un volume de traballo titánico”.

As demandas do persoal do servizo  pasan pola negociación dun plan funcional coa comisión de centro, a creación dun grupo de traballo para avaliar de maneira continua o plan, dotar de persoal as diferentes  categorías, a reposición do material deteriorado, elaborar protocolos para doentes pendentes de ingreso para impedir “o tapón” dos doentes que chegan ao servizo de urxencias e un protocolo para os doentes que agardan por unha consulta así como “cubrir ao cen por cen as ausencias dos traballadores”.

Por outra parte, afirmou que o servizos mínimos para cubrir a folga é o mesmo número de persoas que traballan habitualmente o que impide que a gran maioría do persoal poda exercer o seu dereito a folga. Esta circunstancia, dixo,  confirma que “están baixo mínimos continuamente”.

A parlamentaria pediu ao director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal que accedera a manter un encontro cos traballadores e traballadoras de Urxencias do CHUS para escoitar as súas demandas pero sobre todo, recalcou, escoitar  as alternativas que poden ofrecer a unha situación na que a saúde corre moitos riscos se faltan medios. “O persoal está poñendo enriba da mesa solucións”, non se limitan a denunciar os problemas, non reclaman melloras salariais, o que piden é “mellorar a asistencia sanitaria no servizo de urxencias”.

Finalmente, trala intervención de Aboal, a deputada do BNG reiterou que é necesario o encontro entre persoal e SERGAS para finalizar a folga e poñer fin a “unha situación caótica e de continuos colapsos”. Os problemas, dixo, non se resolven comparecendo no Parlamento e recitar estatísticas, os problemas resólvense con diálogo e vontade política, sobre todo nun ben tan necesario como a saúde, concluíu.