BNG demanda información sobre a nova sede da CHMS no Concello de Ourense

Néstor Rego
Néstor Rego
A formación nacionalista urxe coñecer as previsións sobre a posíbel rehabilitación ou construción dun novo edificio e que partidas orzamentarias van ser destinadas para este proxecto
BNG demanda información sobre a nova sede da CHMS no Concello de Ourense

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha batería de preguntas para coñecer o estado actual das xestións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para construír a súa futura sede no Concello de Ourense. Demanda información sobre as posíbeis localizacións, así como da previsión de partidas orzamentarias específicas para levar a cabo este proxecto tras rematar 2021, ano en que a Confederación se comprometeu a abrir a nova sede.

No pleno do Concello de Ourense celebrado o 8 de febreiro de 2019, foi anunciada a intención do executivo do executivo estatal de instalar a futura sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na parcela cedida no seu día en Ponte Lebrona. Porén, esta situación foi xa descartada, segundo anunciou a propia Confederación, porque o edificio que acollería a nova sede non se pode construír neses terreos co actual Plan Xeral de Ordenación Municipal. O PXOM contempla esta parcela cun uso dotacional mais non administrativo.

No Proxecto de Orzamentos de 2018 figuraba unha partida de 2,7 millóns de euros para acometer este proxecto e, ademais, unha proxección de 1,5 millóns para os dous exercicios seguintes e un millón máis para 2021. Os 2,7 millóns de euros foran determinados tendo en conta unha estimación do custo de adquisición do edificio -no caso de que se optara pola rehabilitación- ou solar -se se fixara finalmente a necesidade de construír- así como das xestións e permisos urbanísticos necesarios para levalo a cabo.

A CHMS, ante a imposibilidade de edificar nesta parcela o novo centro, dixo que estudaría novas alternativas. Todas elas edificacións para a súa rehabilitación no centro da cidade, confiando en ter seleccionado e adquirido o edificio ao longo de 2019. “A piques de rematar 2021, a Confederación Hidrográfica aínda non anunciou a súa decisión e tampouco se tiveron noticias sobre a súa nova sede” explica o deputado do BNG, Néstor Rego.

Por este motivo, a organización nacionalista demanda información sobre as xestións que se están a realizar desde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para construír a súa futura sede no Concello de Ourense. Solicita unha listaxe coas alternativas inmobiliarias que se están barallando neste momento considerando que a parcela de Ponte Lebrona non pode ter ese uso admministrativo.

“Queremos coñecer a previsión tamén en canto aos prazos que manexa a Confederación para a rehabilitación do edificio e se o Goberno do Estado contempla empregar partidas orzamentarias para esta obra” pregunta o deputado do BNG. En 2018 existían partidas, dentro dun programa plurianual, que contemplaban todos os pasos a dar para a execución deste proxecto mais nos Orzamentos aprobados para 2022 non existen ningunha partida para a nova sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

BNG demanda información sobre a nova sede da CHMS no Concello de Ourense