BNG demanda ao Goberno do Estado que cumpra coa legalidade vixente e atenda as reclamacións rexistradas en galego na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego reclama que se atendan todas as peticións escritas pola veciñanza de Gondomar a través da Plataforma GONDOMAR FIBRA XA! sobre a pésima cobertura de internet e fibra no Concello que foron dirixidas ao Instituto Galego de Consumo, organismo que logo derivou o asunto á Administración Xeral do Estado.

“Ten que atender as peticións con independencia da lingua oficial en que se atopen” reivindica Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado cumpra coa Carta Europea das Linguas e acepte as peticións e reclamacións da veciñanza de Gondomar escritas en galego polos numerosos problemas do servizo de internet no Concello. A organización nacionalista demanda ao executivo revogar a decisión de exixir a tradución aos interesados e dea curso ás petición sobre a cobertura de internet e fibra.

A veciñanza do Concello de Gondomar leva anos reclamando a mellora no servizo da internet. A cobertura de fibra óptica non supera 25% das vivendas totais que se concentran no centro urbano e nunha parte da parroquia de Vincios, deixando as demais parroquias practicamente sen cobertura. “Vulnérase así o dereito para ter un servizo da internet de calidade e en igualdade de condicións ao que poden gozar noutras zonas” lembra o deputado do BNG.

De feito, a veciñanza constituíu a PLATAFORMA GONDOMAR FIBRA  XA!, que recolleu queixas asinadas pola maioría dos veciños e trasladounas ao Instituto Galego de Consumo, reclamando a súa actuación por entender que é o competente na materia, organismo que, desentendéndose das reclamacións, remitiunas á Secretaría de Estado de Telecomunicacións. Agora, a Secretaría está enviando comunicados a todas as persoas reclamantes para exixir a tradución das queixas asinadas, baixo a ameaza que, de non remitilas traducidas ao español no prazo de dez días entenderase decaída a petición.

“Esta actuación supón unha grave vulneración dos dereitos lingüísticos das persoas interesadas no asunto” denuncia o deputado do BNG. Rego lembrou que o Goberno do Estado ten adquirido un compromiso, asinado fai xa trinta anos, coa Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, norma que no seu artigo 10.3, referido ás autoridades administrativas e servizos públicos, que “o Estado debe admitir a presentación de escritos e emitir respostas nas distintas linguas oficiais, debendo adoptar as medidas necesarias para podelo cumprilo”. Pero máis alá deste compromiso que segue sen cumprir, a propia Lei de Procedemento Administrativo estabelece que os administrados poden dirixirse en galego a calquera administración sita na Galiza, como é o caso do Instituto Galego de Consumo. Non é responsabilidade individual das e dos reclamantes que o expediente fora trasladado á Administración Xeral do Estado, e polo tanto, non debe negarse o dereito a unha resolución do fondo se non hai tradución. É a administración a que debe facerse cargo desa tradución.

Ante este feito, a organización nacionalista demanda á Secretaría de Estado cumpra coa legalidade e dea trámite ao expediente remitido desde a Xunta de Galiza e dite resolución sobre a petición contida no mesmo que a apoia coa firma de reclamacións individuais dos centos de afectados polo deficiente servizo da internet no  Concello de Gondomar. “Ten que atender as peticións con independencia da lingua oficial en que se atopen” reivindica Rego.

De non aceptar estas reclamacións, tal e como envía a Secretaría de Estado, “suporía un evidente déficit democrático nun estado plurinacional e plurilingüístico”. Para o BNG “deberían facilitarse os trámites administrativos con independencia da lingua que decidan empregar os cidadáns nas súas relacións coas Administracións”. Por este motivo, reclama a revogación da súa decisión de exixir tradución aos interesados e dar curso á súa petición sobre a cobertura da internet e fibra no concello de Gondomar.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG