congreso

BNG demanda actuacións urxentes ao Goberno do Estado ante a situación dos mariñeiros confinados en augas brasileiras

Néstor Rego
Néstor Rego
Rego criticou a falta de xestión e información por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores e os axentes consulares co brote da COVID-19 producido no buque vigués e exixiu que se actúe para que os tripulantes teñan unha asistencia adecuada en terra.

O deputado do BNG, Néstor Rego, preocupouse pola situación dos mariñeiros galegos illados no Brasil por un brote de COVID-19 e criticou a falta de implicación do Ministerio de Asuntos Exteriores por non garantir unha asistencia adecuada, así como poder baixar a terra e recibir os coidados médicos que precisan para poder recuperarse.

O pasado 14 de xaneiro, o “Venturer” saía do porto vigués cargado de 64 persoas co obxectivo de faenar nas augas das Malvinas. Na súa viaxe tomáronse todas as precaucións necesarias, a través das pertinentes probas de detección de coronavirus e pasando unha semana en corentena nun hotel, para asegurar que ningún dos tripulantes embarcaba portando o virus. De feito, algunhas das persoas que inicialmente gardaban a corentena, tiveron que quedar en terra tras ter dado positivo na proba.

A pesar dos esforzos de prevención, dez días despois de saír do porto de Vigo varios dos embarcados comezaron a presentar síntomas ligados a COVID-19. Rapidamente, o capitán do buque púxose en contacto co Centro Radio Médico de Madrid e ante o empeoramento da situación, trasladáronse a Salvador da Bahía o 28 de xaneiro onde permanecen illados no barco sen que se lle permita desembarcar, a excepción de cinco tripulantes que foron internados en centros hospitalarios ante a gravidade dos seus síntomas.

Despois de que se coñecera a situación do arrastreiro vigués, que permanecen recluídos a bordo en augas do Brasil tras detectarse un brote de COVID-19, a formación nacionalista deu traslado ao Goberno do Estado para que os axentes consulares e o Ministerio de Asuntos Exteriores exerzan o seu papel e velen polo benestar dos mariñeiros galegos. “O Goberno debe negociar coas autoridades brasileiras unha atención adecuada, que poidan baixar a terra e recibir a asistencia sanitaria que precisan para a súa total e pronta recuperación” destacou o deputado nacionalista, Néstor Rego. Así mesmo, a formación nacionalista incidiu na posibilidade de que a tripulación poida pasar o resto da corentena en terra “garantido as precaucións sanitarias necesarias e a seguridade en todo momento”.

Así mesmo, as familias dos tripulantes non están a recibir información da Administración “e tiveron que esperar até que o grupo empresarial galego ao que pertence a embarcación puidese contactar cos tripulantes”. O deputado nacionalista criticou a falta de información incluso cando “as familias contactaron directamente co consulado para pedir a súa intervención e axuda aos tripulantes, a día de hoxe non teñen constancia de se subiron a bordo do barco para coñecer a situación directamente ou de cales van ser as actuacións que se levaran a cabo”. Neste sentido, Rego preguntou ao Goberno do Estado polas accións que se realizaron e que se realizaran para garantir o benestar da tripulación.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG