BNG defenderá partidas nos Orzamentos do Estado para rexenerar as rías galegas

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda a implicación do Goberno do Estado para lograr a mellora da calidade das augas e a recuperación da actividade marisqueira a 100% na totalidade das rías galegas

O BNG denuncia a ausencia de investimentos e partidas específicas para o sanemaneto e rexeneración de rías como Muros-Noia, Ferrol, Pontevedra ou Vigo e o saneamento de ríos como o Loña e o Barbaña

Ante a ausencia de partidas específicas para a rexeneración das Rías e o saneamento dos ríos no proxecto de Orzamentos do Estado de 2023 para a Galiza, o deputado do BNG no Congreso avanza o rexistro de emendas para dotar de partidas suficientes as actuacións que se deben levar a cabo para a recuperación do valor ambiental e económico destes espazos. Se non incluíren recursos para a rexeneración e o saneamento, estaríase limitando a capacidade produtiva das rías, fundamental para o sector marisqueiro de toda a costa galega, e a recuperación das augas nos ríos do País.

Para alén da adxudicación dos traballos para a limpeza e rexeneración na Ría do Burgo -proxecto conseguido após anos de traballo do sector marisqueiro e do propio BNG, incluíso o acordo de investidura- o proxecto de Orzamentos do Estado para 2023 presentado polo Goberno non recollen partidas que permitan solucionar os problemas ambientais no resto de rías galegas. O mesmo acontece para os ríos do País, con casos de preocupante polución debida a verteduras incontroladas, que precisan actuacións de saneamento así como rehabilitación e limpeza integral.

En opinión do deputado da frente nacionalista, Néstor Rego, é urxente que os Orzamentos do Estado recollan as necesidades perentorias do noso País. A destacar, partidas orzamentarias suficientes que contribúan a solucionar o problema de saneamento das rías da Galiza. “O Goberno do Estado debe atender os problemas que atravesa a Galiza en medio ambiente. Ten que incluír partidas destinadas á rexeneración de rías e ríos” explica Néstor Rego.

“Estamos a falar de rías como a de Foz, Ferrol, Betanzos, Corcubión, a ría de Muros-Noia, Pontevedra e mesmo a de Vigo, entre outras. Rías que, no seu conxunto, como consecuencia dos problemas ambientais, teñen limitada a súa capacidade produtiva” sinala o deputado nacionalista, que lembra que, ademais das razóns ambientais, algunhas delas poderían ter unha produtividade marisqueira 10 veces superior. Néstor Rego enfatizou a urxencia de levar a cabo o saneamento e a rexeneración das rías galegas “para recuperar a calidade das augas e incrementar a capacidade produtiva, fundamental para o sector marisqueiro”.

En palabras do deputado nacionalista, o BNG leva “no seu ADN a defensa e coidado dos nosos ríos” polo que se compromete a traballar para que no proxecto de Orzamentos “o Goberno do Estado inclúa partidas suficientes para o saneamento, a depuración e a xestión de residuos nos ríos galegos”. O Masma, Barbaña e Loña, Miño e Sil son algúns dos ríos que precisan de intervención para o seu saneamento. “Hai casos de preocupante polución debida a verteduras incontroladas, que precisan actuacións de saneamento así como rehabilitación e limpeza integral, tanto do rego como das marxes” finda Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG