BNG defenderá aumentar o investimento na comarca da Montaña nos Orzamentos para 2023

Néstor Rego
Néstor Rego

A frente nacionalista reclama a mellora da seguranza viaria na N-547 e N-634 e urxe acometer a construción dos 30 quilómetros de camiño de ferro que permitirían conectar Santiago con Lugo de forma directa con paradas en Curtis e Ordes

Néstor Rego demandará un aumento do gasto social, en detrimento do militar, a través da suba das pensións mínimas ou garantir o financiamento de 50% da dependencia por parte do Estado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas nos Orzamentos do Estado para 2023 na comarca da Montaña centradas nas infraestruturas ferroviarias -coa vía que conecta Santiago e Lugo- e a mellora da seguranza viaria, na N-547 ou a N-634. Alén do máis, a frente nacionalista defenderá un incremento das partidas en política social para asegurar que o proxecto permita paliar a crise económica e social provocada pola suba de prezos. Aumento das pensións mínimas, garantir o financiamento de 50% en dependencia, subir o Salario Mínimo Interprofesional, transferir os activos da SAREB e posibilitar unha verdadeira política de vivenda pública, entre as cuestións prioritarias.

O Bloque Nacionalista Galego considera preciso mellorar o proxecto de Orzamentos presentado polo Goberno posto que, mentres o investimento aumenta no resto de territorios do Estado, na Galiza estáncase. “Consideramos insuficiente esta partido e, con estas emendas, reclamaremos xustiza para o noso País e superar o déficit histórico que sofre en materias como a mobilidade, sobre todo en infraestruturas” destaca Rego.

Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso sinala a necesidade de mellorar a seguranza viaria na N-547 a través de emendas por valor de 8 millóns de euros. No específico, a organización nacionalista demandará a mellora do trama entre Arzúa e o acceso da A-54, na parroquia de Burres, co obxectivo de mellorar os accesos de Pantiñobre, Preguntoño, Castro e Cortobe. “Este proxecto xa foi anunciado polo, daquelas, Ministerio de Fomento en 2009 mais aínda non se levou a cabo” lembra o candidato do BNG á alcaldía e portavoz municipal no Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril. “Destacamos unha partida para realizar a conexión da N-547 coa zona do oeste do Polígono Industrial de Arzúa, xa que contribuiría a valorizar o polígono” afirma.

Por outra banda, o deputado do BNG explica que a N-634 ao seu paso polo núcleo de Teixeiro, no Concello de Curtes, reviste serios problemas de seguranza viaria que provocan numerosos accidentes con vítimas mortais. “Introducimos unha emenda para solucionar este problema. É urxente que o MITMA leve a cabo unha actuación para delimitar máis correctamente as vías de servizo e eliminar este punto negro” sinala Rego.

“En materia ferroviaria, entendemos que o Goberno non ten ningunha escusa para construír a liña que permitiría conectar Lugo con Santiago de Compostela. Coa construción de 30 quilómetros, enlazando as paradas de Curtis e Ordes, poderíamos vertebrar o noso territorio” apunta o deputado do BNG no Congreso.

Aumento do gasto social para paliar a crise

O deputado do BNG no Congreso, ademais, sinalou a necesidade de incrementar as partidas en materia social para que o executivo “cumpra todos os compromisos adquiridos durante esta lexislatura” e axuden a “paliar a crise económica e social provocada pola suba de prezos”.

Entre as cuestións máis importantes, a frente nacionalista subliña a urxencia de subir as pensións mínimas posto que, esta medida, axudaría a reducir a fenda de xénero e tamén a territorial. “O Goberno só está a revalorizar as pensións mais está incumprindo o seu compromiso de incrementar as mínimas. Esta é unha cuestión fundamental para a Galiza” salienta Rego. Alén do máis, o deputado da frente nacionalista reclamará ao Goberno do Estado que cumpra co financiamento de 50% da dependencia, tal e como estabelece a normativa vixente, e transfira todos os activos que posúe a SAREB na Galiza para desenvolver unha auténtica política de vivenda pública.

“O BNG reclama máis atención primaria, máis servizos asistenciais, fomento do emprego e melloras nos servizos esenciais como a educación” afirma o deputado nacionalista que rexeita o incremento do gasto militar previsto polo Goberno de coalición de PSOE e UP.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG