BNG defenderá alternativas para garantir o futuro do sector audiovisual

Encontro audiovisual
Encontro audiovisual

Néstor Rego avanza que o BNG traballará parasuperar as catro principais eivas da Lei Xeral de Comunicación audiovisual: linguas oficiais, igualdade, produción independente e blindaxe dos medios públicos

Queixas exixe cumprir a “Iniciativa Xabarín” aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza para garantir contidos audiovisuais en galego para as crianzas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada no Parlamento da Galiza, Mercedes Queixas, veñen de reunirse con representantes das entidades do sector audiovisual no País e valorar a situación após aprobarse a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. A organización nacionalista comprométese a presentar iniciativas nas institucións para protexer a lingua galega, as mulleres creadoras, a produción independente e impedir a privatización dos medios públicos como a CRTVG, e tentar así paliar os principais aspectos negativos da lei a través da lexislación galega. Así mesmo, avanzan o impulso e apoio ás diferentes iniciativas de carácter social neste mesmo sentido, pois permiten defender diversidade cultural, lingüística e de ideas.

AMESA, AGAPI, Grupo de Estudos Audiovisuais, AGPTI mantiveron unha reunión con representantes institucionais do BNG após a votación no Congreso da no Lei Xeral de Comunicación audiovisual. Neste sentido, Néstor Rego, deputado do BNG na cámara baixa, lembrou que o seu voto foi negativo porque o texto lexislativo resultante do período de emendas non resolvía catro dos principais problemas existentes: a protección das linguas minoritarias, a igualdade entre homes e mulleres, a desprotección das produtoras independentes e a posíbel privatización dos medios públicos.

“Agora esta Lei atópase pendente de debater no Senado mais co resultado da votación do Congreso -onde PSOE e PP fixeron unha pinza e conseguiron aprobala- o más seguro e que sexa aprobada sen cambios tamén no Senado” destaca o deputado do BNG. Para a organización nacionalista -opinión compartida tamén polas entidades do sector audiovisual-, é especialmente preocupante que a redacción do articulado non garanta a presenza de todas as linguas oficiais, “por tanto, do  galego, nas plataformas ou medio públicos, para alén de deixar excluídas as grandes plataformas audiovisuais coa matriz fora do Estado español”. Entende que se está ante unha “oportunidade perdida” de realmente poder avanzar na igualdade das linguas e “garantir o dereito dos  galegos e  galegas de poder acceder a contidos audiovisuais na nosa lingua”.

En segundo lugar, Rego apuntou que esta lei que deixa “os produtores independentes aos pés dos cabalos do duopoliotelevisivo e das grandes plataformas”. Decepción, tamén, da organización soberanista por non incorporar, como propoñía o BNG, cotas que realmente puidesen “reducir a fenda de xénero e dar a visibilidade que en xustiza merecen as directoras e produtoras”, reservando 40% para as obras audiovisuais ou pezas cinematográficas dirixidas ou creadas exclusivamente por mulleres.

O deputado nacionalista manifestou tamén a “gran preocupación por un artigo que abre a porta á privatización dos medios públicos”. Segundo destacou Rego, “coñecida a adicción do Partido Popular ás privatizacións, faltaralle tempo ao sucesor de Feixóo no Goberno galego para tentar privatizar unha Compañía de Radio e Televisión de Galiza que xa foron deteriorando e controlando politicamente, -hai que dicilo- non sen o rexeitamento firme dos traballadores e traballadoras de  Defende a  Galega que levan xa 209  Venres Negros, 209 semanas protestando. Que saiban que non llo imos a permitir”.

Por estes motivos, a frente nacionalista avanza o seu compromiso para presentar e apoiar todas as iniciativas para que, a través da lexislación galega, se podan paliar ou suavizar os graves problemas da lei estatal. “É preciso incrementar o financiamento da cultura e produción galega, e por todos os medios para reducir, na medida do posíbel o dano que vai causar nestes ámbitos a lei. Así mesmo, avanza que o BNG participará e respaldará todas aquelas iniciativas sociais que reclamen e promovan a protección da lingua galega, así como o aumento do apoio ás produtoras independentes e ás mulleres creadoras de contidos” subliña Rego.

Pola súa banda, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas, destaca a necesidade de desenvolver iniciativas de carácter social “para manifestar o apoio da sociedade en contra do pensamento único, favorecer a diversidade cultural e promocionar o desenvolvemento de novas ideas”. Alén do máis, lembrou a súa organización política estará pendente para exixir que se cumpra a “Iniciativa Xabarín” aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza.

“Hai que reforzar a programación infantil en galego. A día de hoxe existen numerosas plataformas a disposición das crianzas mais só a televisión pública da Galiza ten contido na lingua propia” indica Queixas mentres incide na necesidade dunha financiación anticipada de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisións lineais ou baixo demanda. Así mesmo, incidir no impulso de aplicacións actualizadas que incorporen programas e xogos para garantir a presenza de contidos atractivos e educativos tamén en lingua galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG