Congreso

BNG defende subir as pensións mínimas e reforzar o sistema público

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego salientou na comisión do Pacto de Toledo que é imprescindíbel a derrogación das reformas do sistema de pensións de 2011 e 2013, que foron gravemente prexudiciais para os e as pensionistas, co obxectivo de recuperar o poder adquisitivo, rescatar dereitos e garantir pensións dignas .

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, sinalou que “os criterios do BNG para a mellora do sistema de pensións son radicalmente distintos aos plasmados nas recomendacións” aprobadas na Comisión de Seguimento e Avaliación dos Acordos do Pacto de Toledo.

Néstor Rego salientou durante a súa intervención que “resulta imprescindíbel a derrogación das reformas do sistema de pensións de 2011 e 2013, respectivamente”. Lembrou que estas dúas reformas foron gravemente prexudiciais para os e as pensionistas. Concretamente a de 2011 supuxo incrementar até 25 anos o cómputo da base reguladora, así como aumentar os anos para cobrar a pensión completa e fixar a idade de xubilación nos 67 anos. Coa reforma de 2013 estabeleceuse que as pensións xa non subirían conforme ao IPC.

“Durante anos, as e os pensionistas viron como se reducía a súa capacidade adquisitiva e, por tanto,que agora se vollte a estabelecer a actualización conforme ao IPC non vai compensar a perda de poder adquisitivo” denunciou o deputado nacionalista. Rego defendeu a necesidade de subir as pensións mínimas até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional e que ambos fosen subindo progresivamente até se situar no 60% do salario medio.

O deputado nacionalista lembrou que a Galiza “ten as pensións mínimas máis baixas de todo o Estado” polo que considerou imprescindíbel actuar para eliminar esta brecha. Ademais, a reverter o recorte de dereitos, derrogando tamén as reformas laborais para acabar coa precarización e para poder adoptar medidas tendentes á mellora do nivel salarial e a estabilidade laboral, o que repercutiría favorablemente na recadación da Seguridade Social.

En concreto, a formación nacionalista aposta en voltar á xubilación ordinaria aos 65 anos e a voluntaria ao cumprir 35 anos de cotización á Seguridade Social, reais ou compensados pola aplicación de coeficientes redutores naquelas profesións que os teñan asignados.

Rego lembrou que o BNG defende eliminar as desgravacións fiscais dos plans privados de pensións e rexeitou tamén a recomendación de promover 'sistemas complementarios' no ámbito empresarial, pois dado que o seu financiamento ten a mesma orixe -traballadores/as (case sempre á custa dos seus salarios), empresarios e mesmo previsibelmente o propio Estado- deberían destinarse eses recursos a reforzar o sistema público de pensións.

Aliás, Rego instou ao estabelecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación en novas profesións así como a revisar e mellorar os xa existentes e recordou que o BNG ten presentado diversas iniciativas ao respecto para que se aplicasen estes coeficientes redutores a colectivos específicos, como as e os mariscadores ou a minería a ceo aberto, profesións con elevada perigosidade e risco para a saúde dos e das traballadoras que as desempeñan.

Así mesmo, o deputado do BNG considera necesario o traspaso das competencias de xestión do réxime económico da Seguridade Social -previsto no Estatuto de Autonomía- para poder articular un verdadeiro sistema público de pensións na Galiza, así como de todas as competencias legais e normativas necesarias para que sexa no noso País onde se realice o pagamento dos impostos e cotizacións sociais dos centros de traballo situados no noso territorio.

Derrogación do artigo 315.3 do Código Penal

O BNG congratúlase da derrogación do artigo 315.3 do Código Penal, que limitaba o libre exercicio dun dereito fundamental como o de folga. “Non se pode seguir mantendo en vigor un precepto que foi reiteradamente utilizado na represión de traballadores e traballadoras que formaban piquetes no lexitimo exercicio do seu dereito de folga”. Néstor Rego lembrou que esta era unha das medidas recollidas no acordo de investidura e, por tanto, un dos compromisos do Goberno para esta lexislatura.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG