O BNG defende en Bruxelas os intereses dos sector agrogandeiro galego

A eurodeputada Ana Miranda salienta que a Comisión Europea ofrece máis información sobre a reforma da PAC que a Xunta de Galiza

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, o concelleiro do BNG de Lalín, Francisco Vilariño e a candidata Ariadna Fernández, reuníronse con Xefe de Unidade da DX Agri, Ricard Ramon, para obter información de primeira man sobre a reforma da PAC e trasladarlle os problemas do sector agrogandeiro galego. “Unha vez máis Bruxelas danos máis información que a que nos ofrece directamente a Xunta de Galiza”, salientaron ao remate do encontro.

Nun momento crucial da reforma da Política Agraria Común, que se votou a semana pasada na Comisión de Agricultura, “o BNG trae a representantes de dous concellos emblemáticos como Moeche e Lalín en temas agrarios e con problema de rendas inxustas para os produtores consecuencia dos prezos baixos e, como no caso de Moeche, de despoboación”, explicou Ana Miranda, quen defendeu que a conexión entre as axudas e Europa “ten que ser moito máis directa”.

Neste sentido, tras a reunión celebrada na DX Agri, Beatriz Bascoy salientou a súa satisfacción por ter participado na reunión xa que “aparte de avanzarnos o camiño que van levar os cambios da PAC, que afectan directamente as ganderías de Moeche, levamos unhas liñas de como podemos enfocar a reforma e o futuro das instalacións cabalares que requirimos”.

Asemade, a alcaldesa nacionalista resaltou que, tras a visita realizada por Ana Miranda á Feira do Queixo de Moeche o pasado 17 de marzo, na que lle trasladaron a necesidade de dispor de información sobre a futura PAC, “aínda non pasou un mes e xa estamos aquí, no despacho dun alto cargo da Dirección Xeral de Agricultura, mentres que eu como alcaldesa solicitei unha entrevista o 24 de outubro do pasado ano co conselleiro e a resposta foi que nos reuníramos cun director xeral de Agroalimentaria que nos comunicou que non había axudas específicas para concellos e non coñecía a nosa feira”.

Prezo do leite

Pola súa banda, Francisco Vilariño e Ariadna Fernández explican que a comarca do Deza conta con 33.000 vacas cunha produción de case un millón de metros cúbicos ao ano, o cal, ao seu xuízo implicaría un custe de tratamento duns 7 millóns de euros para os produtores, “que redunda nos custes operativos do prezo do leite”.

Outro tema dos abordados no encontro refírese aos puríns e ao respecto expresou as súas críticas á Xunta de Galiza por non ten aprobada unha normativa actualizada para desfacerse dos puríns. “Sabemos que hai un borrador de decreto nun caixón dende 2015, pero gustaríanos saber as razóns de por que está parado”, sinalou ao respecto o concelleiro do Bloque de Lalín.

Ao seu xuízo, o tratamento dos puríns pasan pola tecnoloxía, e segundo sinalou as mellores técnicas dispoñibles son as microprantas de biogás, moi estendidas no centro e norte Europa, xa que existen arredor de 20.000. Para o concelleiro nacionalista esta alternativas supoñen dous retos, por un lado o custe das mesmas e que se deseñen con criterios de solucionar os problemas das granxas e non baixo deseños de especulación enerxética.

“Temos un problema grave con este asunto do tratamento dos puríns, que cada gandeiro por si mesmo non pode solucionar”, apuntou ao respecto a candidata do BNG Ariadna Fernández

“Tanto a PAC coma a Directiva Marco da Auga deben ter a previsión de impulsar e financiar as mellores técnicas para garantir a calidade das augas e facer competitivo o sistema de produción gandeira galegas, tendo en conta que o Deza é unha das máis importantes de Europa por produción de leite”, subliñou Vilariño.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG