BNG defende aumentar o investimento dos Orzamentos do Estado en Santiago de Compostela

Néstor Rego e Goretti Sanmartín
Néstor Rego e Goretti Sanmartín

Rego reclama a creación dun xulgado de violencia machista na cidade, a baixada dos prezos do billete do tren e a creación dunha rede de ferrocarril de proximidade nas áreas metropolitanas

Sanmartín: “O alcalde non pode funcionar como delegado do Goberno, ten que pelexar polos intereses da cidade”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a voceira do grupo municipal da formación nacionalista en Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presentan as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado de 2022 co obxectivo de incrementar o investimento na cidade. Destaca a creación dun xulgado de violencia de xénero, a mellora da seguranza viaria e a humanización de espazos urbanos como Conxo e a vertebración do territorio a través do ferrocarril de proximidade nas principais áreas metropolitanas e a conexión Santiago-Lugo.

Rego avanzou as emendas rexistradas para mellorar o investimento da Galiza e mellorar as condicións de vida da cidadanía. O obxectivo da formación nacionalista é a de que existan máis recursos e aportar medidas en positivo. Lembra o voto en contra no pasado proxecto de Orzamentos para 2021 por ser “reducir o investimento territorializado na Galiza que foi inferior incluso, aos anteriores orzamentos aprobados polo Partido Popular en 2018” e pola postura do goberno de coalición que votou en contra das máis de 200 emendas presentadas pola organización nacionalista.

“O punto de partida este ano é lixeiramente mellor” explica Rego, mais entende que esta mellora débese en grande medida á posición firme do BNG en defensa dos intereses da Galiza no pasado proxecto de orzamentos e que manifestou co seu voto en contra: “o Goberno viuse obrigado a incrementar os investimentos no noso País mais consideramos que son claramente insuficientes para compensar o déficit histórico que arrastra Galiza”.

Rego pon o foco nos investimentos ferroviarios e aposta pola vertebración do territorio galego a través da creación de liñas ferroviarias de proximidade nas principais áreas metropolitanas do País. Tamén reivindica a construción dunha conexión ferroviaria entre Santiago e Lugo, pasando por Ordes e Curtis, así como o abaratamento dos billetes. “Temos os billetes de tren máis caros de todo o Estado español de maneira incongruente e inexplicábel. É sorprendente que a viaxe de Compostela a Ourense poida valer 17.70 € cando ir de Madrid a Barcelona se pode facer por 7€” recrimina Rego.

Así mesmo, o deputado nacionalista anunciou unha emenda para un plan de apoio para a hostalaría e o comercio “sectores fundamentais nesta cidade”, da mesma maneira un plan para a actividade cultura e medidas fiscais “que tamén contribuirían de maneira moi significativa a mellora da vida”. Entre as medidas atópase a baixada a 4% do IVE en “produtos culturais, produtos de hixiene feminina, dos produtos pesqueiros ou de servizos esenciais como a electricidade e o gas”.

No caso dos salóns de peiteados, barberías e salóns de estética, Rego lembra que non é a primeira vez que presentan unha emenda para a baixada do IVE a 10% por entender que é “un servizo esencial, tal e como se demostrou na pandemia”.

Outra das emendas presentadas, e que tería unha grande repercusión para a cidade de Santiago, por ser cidade universitaria e con gran peso no eido da investigación, é a referida á modificación dos criterios dos contratos predoutorais. “O obxectivo é rematar coa precariedade neste sector e recoñecer aos investigadores os mesmos dereitos que se atopan recollidos no Estatuto dos Traballadores e Traballadoras” subliña Rego.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín expuxo as emendas concretas de Santiago de Compostela. Así, destacou a proposta de creación dun Xulgado de Violencia de Xénero, unha demanda que foi aprobada no Pleno por unanimidade e que conta co apoio de sectores sociais como o Colexio de Avogacía ante a imposibilidade de seguir con este colapso xudicial. "Non pode ser que enchan a boca de propaganda para dicir que hai que combater a violencia de xénero e non se poña ese dispositivo en marcha, cando menos, nas sete cidades do noso país", explicou.

Incidiu na necesidade do incremento da contribución ao Consorcio da Cidade de Santiago, “para o que o BNG demanda unha duplicación da partida e que chegue aos 9 millóns de euros”. Nos últimos anos experimentou unha redución drástica dos recursos públicos “para esta ferramenta que debe servir para revitalizar con obras de mellora de accesibilidade e insonorización vivendas da Cidade histórica, ademais de facer unha política de compra de locais para crear un viveiro de empresas en que a xente poña o seu negocio e decida instalarse e exercer a súa profesión alí”. Así, lembrou que o Goberno municipal anunciou que o Real Padroado ía traer 281 millóns de euros para Santiago de Compostela e non hai unha achega extraordinaria. “Xosé Sánchez Bugallo, o alcalde desta cidade, non pode funcionar máis como delegado do Goberno, cando ten que ser alguén que pelexa polos intereses da cidade”, incidiu.

En relación a outras discriminacións históricas de Santiago de Compostela, indicou a necesidade de incluír unha partida para a humanización da rotonda de Conxo, unha infraestrutura que quedou mal acabada e con problemas de seguranza viaria, ademais de xerar unha rotura do barrio.

Outra das emendas do BNG vai destinada a poñer a rotulación e o proxecto expositivo de "Daniel Castelao" na estación intermodal, tendo en conta que hai tres anos que esta proposta foi aprobada en Pleno por unanimidade para que milleiros de persoas que entran en tren e autobús na nosa cidade poidan coñecer a súa obra, do mesmo xeito que no aeroporto Rosalía de Castro, “como elementos fundamentais de identidade do noso país”.

Sinalou tamén a necesidade de facer a recuperación dun plan de usos da vella terminal da Lavacolla, cando se cumpren 10 anos desde que está pechada e en continua deterioración, onde existen diversas propostas como destinala a hangares, centro de reparacións e actividades de formación de aeronáutica, entre outras.

“Tamén solicitamos o acondicionamento do campo de tiro de Bando, porque son moi necesarias as instalacións deportivas en Santiago de Compostela e este espazo pode ser cedido para uso deportivo e de lecer”, sinalou.

Referiuse, ademais, á ampliación da rede de saneamento en Santiago de Compostela, unha demanda en que o BNG xa leva moito tempo a traballar porque é necesario dotalo de servizos básicos para recuperar poboación no rural e a mellora do ambiente. Hai 112 núcleos de poboación que carecen de saneamento de auga, 125 sen abastecemento e 95 non dispoñen de ninguén deses servizos básicos.

Outra das peticións do BNG vai destinada á construción dun centro da UNED en Compostela, pois na actualidade hai instalacións deste modelo de ensino en diversas vilas e cidades galegas máis é imprescindíbel que Santiago de Compostela dispoña deste espazo para impartir aulas para a veciñanza de Santiago e da súa contorna.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG