Parlamento Galego

O BNG cualifica de “nova censura” que a CRTVG restrinxa o uso das redes sociais persoais dos e das xornalistas

Mini Rivas
Mini Rivas
Xosé Luís Rivas (Mini) asegurou que esta medida, retrotráenos a  épocas  pretéritas nas que os textos musicais pasaban polo censor

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) formulou hoxe unha pregunta ao director xeral da CRTVG, Alfonso Izquierdo sobre a limitación no uso persoal das redes sociais dos profesionais. Para o nacionalista, esta medida representa unha “vulneración” do dereito á liberdade de expresión e unha “nova censura” por parte da dirección da CRTVG.

O deputado nacionalista lembrou que  na última comisión de control da CRTVG, o Director Xeral da Corporación afirmou , en resposta a unha pregunta do  BNG, que na elaboración do Estatuto Profesional  incluía unha  posíbel restrición do uso das redes sociais persoais das e dos xornalistas, especialmente, Twitter. A medida, dixo, foi xustificada pola decisión da BBC e outros medios para establecer maiores restricións no uso das plataformas.          

Na súa intervención, o parlamentario lembrou que hai anos na Praza da Soedade de Lugo, no  edificio do Goberno Civil os textos para cantar ou ler nos concertos  pasaban “polo peite fino” e cada palabra debía pasar a censura. Naquel momento, explicou, era a loita entre a intelixencia e a cansina “burramia” do censor e na maioría das veces vencía “a intelixencia” a pesar de que o censor era o que decidía se a intelixencia saía ou non a escena.

Para o Grupo parlamentario do BNG, remarcou Mini, é tan preocupante a negativa a aprobar con celeridade o Estatuto profesional e a creación do Consello de informativos, despois de  case 9 anos que deberían estaren aprobados, coma o feito de que a Corporación e o seu Director  Xeral se “armen nunha clase  de censores na limitación dun dereito da “maltratada profesión xornalística”. Non lles chega, preguntou, con ter convertido a radio e a televisión pública nun “altofalante da burda propaganda do goberno”?     

O nacionalista acusou á dirección da CRTVG de “manipuladores da realidade galega ” e agora  de “inimigos da democracia”. Rivas cualificou de “feito grave” manipular a información pública pagada cos cartos de todos os galegos e galegas” ao que sumou un novo ataque á “liberdade individual dos e das traballadoras”. Si finalmente deciden aplicar esta medida sería unha vulneración de dereitos fundamentais, unha medida delitiva, “disfrácena como a disfracen”.

Pola súa parte, o director da CRTVG xustificou a restrición para impedir  filtracións de noticias e mesmo  comercio con exclusivas ao que nacionalista replicou,  que na actualidade as redes son “un medio de expresión individual que debe permanecer libre” e non deixa de ser un “sarcasmo”, dixo, que os especialistas en manipulación informativa durante tantos anos negando a realidade de Galiza e facendo propaganda e publicidade do goberno e do Partido popular,  agora pretendan ser un exemplo de   “democracia e Liberdade”.

         

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG