BNG cualifica de histórica a baixada das portaxes da AP-9 grazas ao acordo de investidura

Rolda de prensa de Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, para dar conta da incorporación das rebaixas das peaxes da AP-9 no proxecto de orzamentos do Estado para 2021.
Néstor Rego asegura que se figuran as partidas para as bonificacións nos Orzamentos do Estado é  pola exixencia do BNG e salienta que implica unha mellora para millares de persoas e empresas que se ven afectadas por unhas portaxes abusivas.
BNG cualifica de histórica a baixada das portaxes da AP-9 grazas ao acordo de investidura

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, mostrou a satisfacción por que os Orzamentos Xerais do Estado incorporen as partidas necesarias para dar cumprimento a unha das medidas máis relevantes do acordo de investidura que o BNG logrou no mes de xaneiro, a baixada das portaxes da AP-9. Sen se dar enteiramente por satisfeito pola cantidade consignada, o deputado nacionalista salientou que implica unha mellora para millares de persoas e empresas que se ven afectadas a diario polos elevados custos dunhas peaxes abusivas.

“A partida de 50 millóns de euros para proceder á bonificación das viaxes para os usuarios e usuarias recorrentes e as dúas partidas adicionais para absorber o incremento anual de 1% que corresponde aos convenios de 2011 e 2013 -e que non se repercutiran nas tarifas- e para proceder á gratuidade do tramo Redondela-Vigo, está nos Orzamentos Xerais do Estado grazas á insistencia do BNG, non desde hai meses, senón desde hai anos”.

O deputado nacionalista lembrou que esta “é unha das medidas que figura no punto número cinco do acordo de investidura” que asinou o Partido Socialista co BNG en xaneiro deste ano. Un compromiso claro de que nos primeiros orzamentos do Estado se ían dotar as partidas necesarias para proceder aos descontos nas peaxes da AP-9. “En todo o caso, continuaremos traballando até conseguir a total gratuidade desta autoestrada”, subliñou Rego.

Ademais, destacou que a fronte nacionalista leva promovendo esta reivindicación -así como a transferencia- mediante mobilizacións por todo o país ou con iniciativas institucionais como a Proposición de Lei no Parlamento da Galiza que foi debatida no Congreso.

O BNG considera un feito histórico que por primeira vez en 40 anos as portaxes da AP-9, en vez de seguir subindo, vaian verse reducidas. O deputado nacionalista cualifica de hipócrita a xunta de Feixóo por pretender arrogarse o mérito da medida cando foi o goberno do Partido Popular o que prorrogou a concesión até 75 anos, converténdoa nunha das máis caras de todo o Estado español. A iso contribuíron decisións dos gobernos do PP e do PSOE, trasladando á cidadanía galega o custo das obras de mellora na Ponte de Rande ou na circunvalación de Compostela.

Rego salientou que o obxectivo do BNG é seguir traballando para lograr que o uso desta autoestrada acabe sendo gratuíto por ser de xustiza, mais tamén porque tería un efecto moi beneficioso na recuperación da economía galega, “porque hai que ter en conta que é unha autoestrada que articula toda a franxa costeira, onde se encontran situadas cinco das sete cidades galegas, onde están os tres aeroportos os portos de interese xeral e a maior parte da actividade económica” subliñou Rego.

Por outra parte, Néstor Rego avanzou que o Bloque Nacionalista Galego considera o total dos investimentos territorializados destinados á Galiza como insuficientes por non compensar o déficit histórico en equipamentos e infraestruturas. “A cifra de 800 millóns non garante cubrir ese déficit –destacou Néstor Rego- e no proceso de negociación que se abre agora, imos traballar para que esa cantidade se vexa significativamente aumentada”.

 

BNG cualifica de histórica a baixada das portaxes da AP-9 grazas ao acordo de investidura