Congreso

BNG critica o xiro á dereita do goberno PSOE/Podemos e reclama o cumprimento do acordo de investidura

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego salientou que o PSOE debe cumprir cos compromisos asinados co BNG e avanzar nas políticas recollidas nese acordo, concretamente aquelas que correspondían ao primeiro ano de lexislatura.

O BNG mostrase crítico coa procura de apoios en forzas como o Partido Popular ou Ciudadanos para a aprobación dos orzamentos, en vez de facelo nas forzas nacionalistas e de esquerda que apoiaron a investidura.

O BNG ve con preocupación a liña que está a asumir o goberno de coalición do PSOE e de Unidas Podemos. O deputado nacionalista, Néstor Rego, en comparecencia no Congreso lembrou que “o Bloque Nacionalista Galego apoiou a investidura en función dun acordo que recolle melloras en diferentes ámbitos que van dende infraestruturas até políticas sociais e que o Partido Socialista asumiu executar ao longo da lexislatura”. Recalcou que algunhas desas melloras “serían de execución inmediata en 2020” e lamentou que aínda non se producisen os suficientes avances nesta materia. Rego destacou que o PSOE non estaría faltando ao compromiso co BNG, senón con todo o pobo galego.

“Este acordo -recalcou o deputado- tivo unha acollida moi positiva polo conxunto da sociedade galega porque nel se recollen medidas e solucións a problemas que, en moitos casos, levan décadas esperando a solucionarse”. E avisa que, coincidinco co debate sobre os orzamentos de 2021, o BNG fará fincapé nas vindeiras semanas no cumprimento deste acordo.

Néstor Rego mostrouse crítico co xiro á dereita por parte do PSOE na procura de apoios no Partido Popular e en Ciudadanos para a aprobación dos orzamentos, deixando a un lado as forzas soberanistas de esquerda que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez. “Resulta sorprendente que Pedro Sánchez chame o Partido Popular a contribuír a aprobar 'uns orzamentos progresistas'. É evidente que se contan co apoio do PP de ningunha maneira serán verdadeiramente progresistas”. destacou o deputado que considera ese xiro á dereita, o camiño equivocado.

Sentenza sobre o Pazo de Meirás

O deputado nacionalista congratúlase do resultado da sentenza que determina que a familia Franco non é propietaria do Pazo de Meirás. Néstor Rego recoñeceu o labor desenvolvido polas asociacións de recuperación da memoria histórica, distintos colectivos sociais e o propio BNG á hora de reclamar a propiedade pública deste pazo e, concretamente, o traballo de investigación realizado por Carlos Babío e Manuel Pérez.

Néstor Rego, que é un dos activistas denunciados pola familia Franco por desenvolveren unha acción simbólica a favor da recuperación do pazo, agarda que esta sentenza contribúa a arquivar a denuncia contra “@s 19 de Meirás”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG