BNG critica que en plena crise o Goberno do PP baixe o teito de gasto e avanza que defenderá un orzamento expansivo

Noa Presas
Noa Presas, portavoz de Economía
Noa Presas: “Este recorte apunta a que o Executivo prepara unhas contas rutineiras como se a pandemia non seguise no sanitario e no económico”

BNG considera inaudito que en plena crise o Goberno da Xunta de luz verde a un teito de gasto inferior en termos reais ao do este exercicio orzamentario, tendo en conta que o País está en plena crise tanto económica como tamén sanitaria, co 65% da poboación en situación de risco alto ou moi alto e coa quinta onda avanzando.

Por iso, o Bloque considera moi negativo que se baixe o teito de gasto cando a sanidade pública precisa ser reforzada con urxencia e os sectores máis impactados pola crise están moi lonxe da súa recuperación. Pero, descontado o ingreso dos 211 millóns de euros do IVE correspondente a 2019, o certo é que o Executivo de Feixóo opta por un recorte no que se coñece como gasto non financeiro.

“O teito de gasto baixa como se a pandemia non continuase presente nas nosas vidas, tanto no ámbito sanitario como no económico e iso non é tolerable”, salientou a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, quen reiterou que no actual contexto de crise “o mellor teito de gasto é o que non existe para non limitar o investimento que se precisa en ámbitos como o da sanidade, o coidado das persoas maiores ou para o rescate dos sectores económicos máis danados”.

Presas advirte, ademais, que esta baixada do teito de gasto en termos reais “parece a antesala de que, unha vez máis, o Goberno prepara uns orzamentos rutineiros  que non apostan por un cambio de modelo nin no económico, nin no social”. Por iso, o BNG avanza que no pleno parlamentario da vindeira semana, precisamente para debater o teito de gasto, levará propostas concretas para que as contas públicas se centren nas necesidades do País, en reforzar os servizos públicos, camiñar cara un novo modelo de residencias e permita reactivar os sectores produtivos para saír da crise.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG