Parlamento Europeo

O BNG critica que o PP aplique “o rodillo” na Eurocámara para pechar a denuncia sobre o saneamento da ría Viveiro

Visita Viveiro (2019)
Visita Viveiro (2019)

Ana Miranda censura o incumprimento da normativa europea de tratamento das augas residuais urbanas

Miriam Bermúdez reclama a elaboración dun proxecto integral de recuperación da ría

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, critica que o PP aplicara o “rodillo” na Comisión de Peticións da Eurocámara para pechar a denuncia presentada polo Bloque de Viveiro para dar a coñecer nas institucións europeas os verquidos constantes na súa ría e a falta dun proxecto integral de recuperación. “É lamentable que a presidenta da Comisión de Peticións desoia o secretariado técnico, que aconsellaba manter a denuncia aberta, e pola contra prefira seguir as instrucións do seu partido”, sinala Miranda.

“Co incumprimento reiterado da Directiva 91/271/CEE relativa ao tratamento das augas residuais urbanas, a denuncia pola fata de saneamento integral na ría de Viveiro debería manterse aberta para ser tratada e debatida na Comisión de Peticións”, afirma Ana Miranda, quen lembra que o 80 por cento do dos fondos do contrato da mellora da EDAR de Viveiro, -en concreto das liñas de tratamento da estación depuradora de augas residuais-, proceden nun 80 por cento dos fondos FEDER.

Ana Miranda sinala que “é curioso que inicialmente o proxecto de saneamento ascendese a case 4 millóns de euros, tal e como figura na web da Xunta e agora falen de case 3 millóns” e asegura que a formación nacionalista “estará vixiante para que os fondos europeos sexan executados correctamente e nos prazos pertinentes”. Segundo defende a responsable nacionalista, “xa non caben máis retrasos na execución das obras de saneamento, posto que teñen os verquidos seguen sendo constantes, cun evidente prexuízo medio ambiental e económico”.

Neste sentido, a portavoz do BNG en Viveiro, Miriam Bermúdez, lembra que o proxecto inicial se dividiu en dúas partes co fin de axilizar a tramitación, “pero é necesario executar ambas para poder cumprir cos obxectivos medioambientais marcados pola UE”. O prazo para certificar o gasto é o 31 de decembro de 2023, pero para facelo é necesario 1 ano de cumprimento de parámetros de depuración, polo que na práctica a obra ten que estar rematada o 31 de decembro de 2022.

Risco sanitario

Precisamente o BNG alerta do actual risco sanitario que provocan os verquidos que se están producindo nos últimos días, nos que se detectan niveis de e coli superiores aos recomendados tanto para o baño como para as captacións para uso alimentario. “Os verquidos causan unha forte degradación en varios puntos da ría, polo que a súa rexeneración é urxente para recuperar os bancos marisqueiros e da pesca de baixura”, apunta Bermúdez, xa que ao seu xuízo as consecuencias económicas da falta de saneamento poden chegar a ser irreversibles.

Por outro lado, o Bloque cuestiona os datos remitidos desde a Xunta á Comisión de Peticións en canto á capacidade de depuración, xa que a Xunta recoñece que é para 16.000 habitantes mentres declaran 25.000. Ademais, existen erros referidos ás coordenadas do punto de verquido, en tanto que non é o sinalado, e ao estar o emisario roto verte xunto a zonas de baño a captacións de auga. “É imprescindible un saneamento e rexeneración integral da ría, xa que seguen existindo núcleos sen conectar á depuración”, conclúen as representantes nacionalistas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG